A celulosa de Altri na Ulloa recibe unhas 20.000 alegacións de entidades sociais e de veciñanza

Alegacións contra Altri presentadas onte en Lugo, O Grove, de forma dixital pola portavoz de Ulloa Viva, Marta Gontá, e en Antas de Ulla.
A exposición pública do proxecto de celulosa de Altri na Ulloa e o prazo de alegacións rematou esta cuarta feira. A pesar de que a Xunta non dá cifras oficiais, o reconto feito por distintas asociacións apunta a que se trata da cifra máis alta de alegacións presentadas contra un proxecto industrial na última década.

Desde que o pasado 4 de marzo o Diario Oficial da Galiza (DOG) sacou a exposición pública o proxecto de Altri para construír unha celulosa en Palas de Rei (A Ulloa) abriuse un período de presentación de alegacións que rematou esta cuarta feira, 17 de abril. A falta de datos oficiais (que este xornal reclamou en reiteradas ocasións á Consellaría de Economía e Industria), a cifra contabilizada por Concellos, colectivos, entidades e a Plataforma Ulloa Viva eleva a unhas 20.000 as alegacións rexistradas diante da Secretaría Xeral de Industria contra o proxecto da macrocelulosa da empresa portuguesa Altri.

Con estes datos, estamos diante dunha das maiores cifras de alegacións presentadas diante dun proceso industrial na Galiza na última década, aseguraron a Nós Diario fontes de distintos colectivos persoados habitualmente nestas causas. Recentemente foron 3.000 as alegacións presentadas en xuño de 2021 contra os parques eólicos de Siroco e Tramontana, un polígono promovido en Tabeirós-Terra de Montes pola empresa Greenalia, que curiosamente tamén participa desta volta no proxecto de Altri xa que é socia xunto coa pasteira portuguesa na empresa Greenfiber, titular do Proxecto Gama para a construción da celulosa no UIlla. No caso do parque eólico Pena do Corvo, en agosto de 2021, a súa afectación ao Parque Natural das Fragas do Eume levou a unha cifra de alegacións contra o mesmo de 2.000 escritos.

Sen cifras na Xunta

Nós Diario preguntou á Consellería de Economía e Industria pola cifra de alegacións presentadas até media mañá desta cuarta feira por rexistro. A resposta deste departamento da Xunta foi que “unha vez rematado o prazo poderán computarse o número de alegacións presentadas”.

Tamén preguntou Nós Diario polas cifras de alegacións presentadas en proxectos similares recentes no país, a resposta neste caso foi: “Non dispoñemos desa información de xeito sistematizado”.

No último mes foron moitos os colectivos, institucións e organizacións políticas, ecoloxistas e de profesionais, os que teñen anunciado publicamente a súa posición en contra da celulosa de Altri en Palas de Rei. Moitos deles presentaron neste proceso as súas alegacións por distintos motivos contra o Proxecto Gama. Así o Concello de Arzúa tramitou a súa alegación en referencia á afectación de Altri no Camiño de Santiago, o sector agrogandeiro e as afectacións no seu tecido produtivo e económico, como a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa ou os máis de 100 estabelecementos hostaleiros que viven en Arzúa do negocio vencellado ao Camiño.

Tamén o Concello de Antas de Ulla (A Ulloa) anunciou a presentación de alegacións a respecto de Altri centradas na “preocupación polos potenciais impactos no municipio das posíbeis emisións de gases e partículas á atmosfera”. En Melide, outra das zonas afectadas directamente pola celulosa, tamén o Concello alegou neste trámite contra Altri polas afectacións no Camiño de Santiago e os problemas que Altri prevé ocasionar pola captación de enerxía eléctrica para a construción e os efectos da contaminación na auga e no ar.

Traballo colectivo

As alegacións presentadas contra Altri abranguen ademais colectivos e partidos políticos implicados na loita contra esta “bomba ambiental no corazón da Galiza”. É o caso do BNG, que calcula ter presentado de forma directa arredor de 4.000 alegacións ao proxecto -“a maiores da militancia que nos pediu os formularios e os entregaron de modo individual”-, a estas súmanse as alegacións presentadas por Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, e Erguer, estudantes da Galiza, que superan as 5.000.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) elaborou neste proceso varios modelos de alegacións polas afectacións do proxecto de Altri aos recursos hídricos da zona, ás especies endémicas e solos únicos ameazados, a proximidade da Zona de especial protección ZEC Serra do Careón e a contaminación de auga e ar que provocarían as emisións da pasteira portuguesa. Segundo os datos de Adega foron tamén centos de alegacións contra Altri as que tramitaron.

Até a ría de Arousa

A afectación do proxecto de Altri en Palas de Rei chega até o Salnés. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) tamén participou coas súas alegacións do sector marisqueiro e a pesca de baixura contra a contaminación prevista por Altri no río Ulla -que desemboca na Arousa-, e a redución previsíbel do caudal coa captación que a fábrica demanda de 46 millóns de litros de auga ao día. Ademais, a PDRA alegou contra o feito de que a mesma empresa consultora fixese en 2019 un informe contra o traslado de Ence de Lourizán (Pontevedra) porque ningún río da Galiza, salvo o Miño e o Sil, poderían abastecer unha celulosa, de en 2021 -só 2 anos despois e non 6 como argumenta Altri- a mesma consultora fixo o proxecto que sitúa a celulosa no río Ulla.

Entre a Ulloa e a ría de Arousa, o río Ulla abastece 11 concellos, que suman perto de 150.000 habitantes (moitos deles duplican a súa poboación no verán). Tamén estes concellos “Ulla abaixo” rexistraron numerosas alegacións, tanto a título individual como en nome de colectivos profesionais, vencellados en moitos casos coa actividade pesqueira e marisqueira. Estas zonas argumentan nas súas alegacións que a contaminación con compostos químicos de Altri na auga do Ullla, a vertedura de 30 millóns de litros de auga ao día “tratados” 2 quilómetros arriba da captación, e o consumo de recursos hídricos, poñen en perigo tanto o abastecemento de auga destes municipios comaoa actividade relacionada co mar, con 19.000 empregos directos e máis de 50.000 indirectos en xogo na zona. Casos como o de Boiro ou A Pobra do Caramiñal suman máis de 300 alegacións individuais ás que se engaden as dos colectivos relacionados coa actividade produtiva.

Desde a Plataforma Ulloa Viva sinalan algúns dos numerosos apoios contra o proxecto de Altri recibidos nos últimos meses. Entre as organizacións que teñen presentado alegacións están a Sociedade Galega de Historia Natural, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, a Confederación Intersindical Galega, o colectivo Sí a un rural vivo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza ou Ecoloxistas en Acción. Súmanse a estes colectivos Concellos, partidos políticos e asociacións de distinta índole.

De Palas de Rei a Vigo

No proceso de presentación de alegacións a Plataforma Ulloa Viva ten promovido colectivos a nivel local que levan máis dun mes recollendo alegacións e sinaturas de veciños e veciñas en distintos puntos de todo o país. É o caso do colectivo Altri Non Vigo, que neste proceso foi quen de tramitar no Rexistro da Xunta da Galiza na cidade olívica un total de 1.542 alegacións da cidadanía viguesa contra a celulosa de Altri no corazón da Galiza. Os distintos colectivos da veciñanza agradeceron especialmente, en declaracións a Nós Diario, o traballo dos funcionarios e das funcionarias dos rexistros públicos para que finalmente todas as alegacións da veciñanza chegaran en prazo á Consellería de Economía da Xunta da Galiza.

A presidenta da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, fixo a Nós Diario unha valoración “moi positiva” do proceso de presentación de alegacións. Explicou que o resultado en cifras demostra que “o traballo de informar a veciñanza está reflectido de maneira contundente” no número de alegacións presentadas. Gontá destacou que “esta é a primeira resposta clara, o primeiro non a Altri claro que o pobo vai manifestar e agardamos que esta contundencia se teña en conta desde a Xunta”.

Pola súa parte, a empresa promotora do Proxecto Gama segue organizando excursións de prensa e colectivos ás súas fábricas en Portugal. Na última destas viaxes, Altri admitiu que planta nos viveiros das súas fábricas entre 6 e 8 millóns de árbores, a gran maioría eucaliptos. Ademais a multinacional portuguesa móstrase "optimista" na súa intención de que as Administracións do Estado español lle concedan 250 millóns de euros en subvencións para desenvolver a factoría.