Centos de persoas maniféstanse en Verín na defensa da sanidade pública baixo o lema “Non somos números, somos persoas”

O mal tempo non arredou a xente, que apoiou masivamente a mobilización. Imaxe da CIG

Centos de persoas manifestáronse en Verín en 2012 a favor da permanencia do servizo de Urxencias no centro de saúde. Centos volveron saír a rúa en 2017 nunha gran manifestación para reclamar a hospitalización a domicilio, a dotación de pedatría hospitalaria e a non eliminación deste servizo, así como a fin dos recortes sanitarios. E este sábado, 24 de marzo de 2018, centos de persoas volveron – máis de 3.000 segundo organizacións como a CIG- saír en Verín para defender a sanidade pública na comarca de Monterrei.

 

“Non somos números, somos persoas”. Baixo este lema e convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei, unha maré de persoas tomaron parte na manifestación que saiu desde o Hospital de Verín. Os convocantes pediron que as persoas asistentes fixesen unha ringleira ata a praza Maior da vila “para simular as nosas esperas”, segundo os convocantes.

 

Diferentes organizacións políticas e sindicais, así como asociacións e colectivos apoiaron a marcha, así como o goberno local de Verín. O protesto criticaba e rexeitaba a política de privatizacións do PP na sanidade pública, con efectos prexudiciais en todo o país e que deixan maior pegada no rural.