Centos de persoas participan en Agolada nunha foliada reivindicativa contra Altri

A foliada organizada por colectivo Agolada Viva xuntou centos de persoas na foliada deste sábado contra Altri. (Foto: Nós Diario).

O Club Náutico Agolada en Brocos, no encoro de Portodemouros, acolle unha festa reivindicativa contra o proxecto de celulosa de Altri. Centos de persoas participan da actividade malia a choiva.

Centos de persoas participan nunha foliada organizada polo colectivo Agolada Viva da Plataforma Ulloa Viva, na parroquia de Brocos, no concello de Agolada, na comarca do Deza, en plena zona cero da celulosa proxectada por Altri, para rexeitar a proposta da multinacional portuguesa.

A xornada lúdico-reivindicativa conta con actuacións de 30 músicos e grupos procedentes de toda Galiza, entre os que se atopan referentes da música tradicional coma Fransy González, Davide Salvado, Bouba pandereteiras, Xisco Feijoo ou Carlos Quintá. A foliada está sendo presentada Dosinda, das Fillas Bravas.  

A Plataforma Ulloa Viva aproveita esta acción reivindicativa para demandarlle á Xunta de Galicia “que escoite á veciñanza e o clamor social contra este macropoxecto e paralice a súa tramitación”. Neste sentido, lembra que o proxecto de captación da auga de Portodemouros recibiu xa as protestas e alegacións dos propietarios afectados e centos de escritos en contra.

A eutrofización do Ulla

A integrante do colectivo e técnica de augas, Ana Fernández Santamarina, explicou aos asistentes o problema de eutrofización que sofre o encoro de Portodemouros. Nesta dirección, indicou que “Altri pretende verter compostos orgánicos e elevar a temperatura da auga o que faría aumentar esta eutrofización a só un quilómetro e medio deste encoro”.

A Plataforma Ulloa Viva demanda da Xunta da Galiza “que poña fin a este despropósito da macrocelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei non só en contra dos veciños e veciñas senón mesmo tamén en contra da legalidade”.

O colectivo advirte que xa alertou á Comisión Europea o pasado mes de abril de que o proxecto “incumpre até sete directivas comunitarias”. Nesta dirección, apunta que entre elas, atópanse, a Directiva de nitratos, a Directiva marco da auga 2000/60/CE ou a Estratexia da biodiversidade 2030

Esquerda Unida

Esquerda Unida cuestiona, tamén, que o proxecto de Altri cumpra co normativa comunitaria. Neste sentido, a  Coordinadora galega reunida este sábado acordou onte solicitar ao Parlamento europeo que se valore o cumprimento das Directivas de protección e xestión de augas, as diversas normativas derivadas do Pacto Verde Europeo, a Directiva sobre os Hábitats, a Directiva marco sobre a estratexia mariña e calquera outra relativa á protección do medio ambiente pluvial e mariño.

 Esquerda Unida entende que “sería inaceptábel pretender o acceso a fondos europeos por parte dunha empresa que pon en perigo o medio ambiente de varias comarcas galegas e varios sectores produtivos polo que debería avaliarse seriamente os posíbeis  incumprimentos de normas que pretenden combater o cambio climático e defender o medio natural”.

Eva Solla

A máxima responsábel da formación na Galiza, Eva Solla, afirmou que “é contraditorio estar avanzando cara a protección dos recursos hídricos a nivel normativo e propor proxectos coma o de Altri, que afectaría a importantes espazos naturais e á conservación da auga do río Ulla. É hora de revisar a aplicación das directivas”