Ensino

Centos de persoas protestan desde Ventín polos "incumprimentos" de Educación

Cabeceira da protesta da comunidade docente de Ventín (Ames, comarca de Compostela) este 20 de setembro. (Foto: Nós Diario)
A comunidade educativa reclama "ensino público de calidade para os nosos fillos e fillas".

Centos de persoas sumáronse hoxe á mobilización convocada pola ANPA do CEIP de Ventín (Ames, comarca de Compostela) en protesta polos "incumprimentos" da Consellaría de Educación. Encabezada por unha faixa reclamando "ensino público de calidade", nais e pais, docentes, alumnas e veciñas camiñaron desde o centro escolar até a Casa da Cultura do Milladoiro. Denuncian que o colexio "atópase actualmente con ratios que non respectan o acordo e supoñen un grave risco académico para o alumnado do centro ".

En Ventín estudan máis de 600 alumnos e alumnas de primaria. Segundo denuncia a ANPA as ratios deste curso "non respectan" o acordo da Consellaría de Educación do 10 de xaneiro. Tamén protestan pola "insuficiencia de persoal docente" logo de que a dirección do centro solicitase sete profesores adicionais, "que foron denegados e coa reclamación da ANPA concedéronnos medio profesor".

Sobrecarga e mingua educativa

Esta situación está a provocar "sobrecarga de traballo" no persoal docente de Ventín xa que, segundo advirten, "a redución da xornada laboral do profesorado sen unha diminución das tarefas suporá unha mingua da calidade da ensinanza para o alumando do centro".

Critican tamén que nestes días chegaron ao centro 11 alumnas máis, unha cifra que, aseguran, "é habitual que siga medrando ao longo do curso con numerosas incorporacións fóra da matrícula ordinaria que non se están a contabilizar" por parte da Consellería de Educación. Denuncian a maiores que a Xunta non está a cubrir "de maneira axeitada" as baixas laborais do profesorado.

Diante desta situación, a ANPA de Ventín decidiu emprender unha serie de accións de protesta "para visibilizar o problema e esixir solucións". A desta sexta feira é a primeira marcha convocada pola ANPA e o seguimento está a ser masivo. Ao remate da protesta no Milladoiro leron un manifesto diante da Casa da Cultura demandando solución aos problemas deste centro que garantan un "ensino público de calidade para os nosos fillos e fillas".

Máis protestas 

Esta situación está a producirse en centros escolares por todo o país. Co comezo do curso foron moitas as ANPA que se están a mobilizar criticando que a Consellería de Educación "está a incumprir sistematicamente" todos os acordos sobre ratios e profesorado que anunciou o pasado mes de xaneiro.

É tamén o caso de Dodro (comarca do Sar), onde as nais e pais do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón veñen de presentar un escrito diante da Consellaría de Educación para pedir "a incorporación inmediata do profesor de Audición e Linguaxe" que atende neste centro a alumnado con necesidades especiais. A ANPA denuncia que ao comezo de setembro constataron que "non estaba cuberta para o curso actual e que non se prevía a incorporación inmediata dun profeso". 

Acusan a Xunta de "arbitrariedade" por non ter cuberto esta praza, un feito que "estanos forzando a recorrer a unha atención privada" xa que a Consellaría de Educación "non garante a atención de calidade no centro nin se satisfán as necesidades educativas dos nosos fillos e fillas". As nais anuncian que "de non se cumpriren as obrigas da Administración Educativa procederemos a denunciar este feito diante dos organismos e institucións oportunas".