O feminismo galego rexeita nas rúas o último crime machista

Compostela foi unha das localidades onde onte se mobilizou o feminismo. (Foto: Arxina)
Centos de persoas participaron na tarde da cuarta feira na vintena de concentracións convocadas polo feminismo galego en cidades e vilas da Galiza para rexeitar o asasinato de Mercedes Ríos no barrio de Labañou da Coruña.

"Basta de Violencia. O machismo mata!". Este foi un dos lemas que presidiu as mobilizacións que decorreron esta cuarta feira na Galiza como resposta ao asasinato de Mercedes Ríos, de 74 anos, presuntamente asfixiada polo seu compañeiro, Vicente Dopico, de 76.  De Ribadeo a Vigo, de Carnota a Ribadavia, pasando pola Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol, Chantada ou O Rosal, o movemento feminista volveu saír á rúa para denunciar o asasinato machista e reclamar que "nos queremos vivas e libres".

No manifesto da Marcha mundial das Mulleres (MMM), lido ao final das convocatorias, lembran que desde o ano 2010 son máis de 70 as mulleres que foron asasinadas na Galiza. "Hoxe concentrámonos de novo por todo o país para amosar a nosa repulsa. Estas son as cifras da vergoña, as cifras que non se borran, as cifras das nosas asasinadas", recolle o texto.

O feminismo denuncia que continúa " agardando medidas serias, reais e efectivas que avancen na loita e combate desta lacra, non serven os minutos de silencio nin os lazos lilás. Seguimos vivindo por todo o territorio galego situacións de violencia: violencia institucional, obstétrica, sexual, psicolóxica...".

Nesta liña, o manifesto exixe "recursos de verdade para loitar contra un machismo que nos agrede a diario, que nos violenta a diario, que non nos deixa ser libres. O feminicidio é a mostra máis dolorosa dun sistema que acaba pouco a pouco coa nosa vida".

"Exiximos que a lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia machista sexa efectiva. Exiximos recursos suficientes para tratar este problema en todas as etapas das nosas vidas e un compromiso real, de toda a sociedade, para acabar co terrorismo machista", demanda, ao tempo que sinala a responsabilidade do Goberno galego do PP "que suprime a Secretaría de Igualdade, que licitar os centros 24h de atención a vítimas violencia sexual para que a súa xestión sexa privada", denuncia.

Mercedes Ríos Muñiz foi enterrada esta segunda no cemiterio parroquial de San Pedro de Visma, na Coruña. Mercedes é a segunda muller asasinada na Galiza pola violencia machista. O pasado mes de marzo, unha moza de 24 anos, Andrea Yturri, era asasinada a coiteladas en Palmeira, Concello de Ribeira, na comarca do Barbanza, polo seu ex compañeiro.

Máis de 5.000 casos activos

O Ministerio do Interior ten no Sistema VioGén 5.225 casos activos de violencia de xénero activos na Galiza, segundo os últimos datos publicados polo Ministerio do Interior relativos ao mes de xuño. No total estatal, son 92.134 casos, 2.670 máis que hai un mes (89.464), coincidindo co inicio de verán e co incremento de asasinatos machistas. 

En concreto, na Galiza 2.443 casos están en risco baixo, 858 en risco medio, 79 en risco alto e hai un caso rexistrado en risco extremo, mentres que en 1.844 non se aprecia risco.