Centos de veciñas protestan en Ares pola escaseza de auga no municipio

Protesta da veciñanza de Ares (comarca de Ferrol), esta quinta feira. [Foto: Xosé María Rodríguez Cobelo]
A localidade triplica a súa poboación en verán.

Unhas 600 persoas, segundo a organización, e unhas 200 segundo a Policía local, concentráronse esta quinta feira na localidade de Ares (comarca de Ferrol) polos cortes na subministración de auga no municipio, debido á escaseza do recurso.

Os ánimos xa estaban quentes pola situación que se está a dar nesta época estival coa subministración de auga, mais precisamente esta quinta feira, xusto cando a protesta estaba convocada, os cortes comezaron desde a primeira hora da mañá, o que posibelmente motivou unha maior mobilización da veciñanza.

O Goberno municipal de Ares explica que a poboación que reside na localidade triplícase durante o verán, o que xera unha ampliación moi grande da demanda dun recurso que é máis escaso durante esta época. 

Licitación dos depósitos

O Executivo local lembra que están pendentes da licitación por parte da Xunta da Galiza da construción de depósitos para a mellora do abastecemento de auga. Porén, desde Augas da Galiza, órgano que debe levar a cabo as obras lembran que as competencias sobre abastecemento, saneamento e depuración de augas son municipais.

Ante a repartición de culpas entres as dúas Administracións, a veciñanza organizada, que xa xuntou centos de sinaturas a prol dunha solución, denuncia que nin Xunta nin Concello están a escoitar as súas demandas.