O centro social Gomes Gaioso ve “ataque e represión” por parte do Goberno coruñés no seu fechamento

Denuncia que a clausura deste centro, con 14 anos de actividade, non está baseada en informes técnicos.

O centro social Gomes Gaioso, na Coruña, víase a mediados do pasado mes de maio na obriga de fechar provisorimente por mor dunha suspensión de actividade decretada pola Concellería de Urbanismo, , indicando o departamento que este centro carecía dunha declaración responsábel das actividades que se desenvolven no seu local.

Unha clausura que semella que se vai tornar en definitiva, segundo o exposto pola Asociación Cultural Gomes Gaioso a través dun comunicado, no que ve unha “clara intencionalidade de ataque e repressom por parte do governo municipal e do PSOE” cara a este colectivo e centro social.

Explican que o 19 de maio 2 axentes da policía personáronse no local, “de malas maneiras”, e “mal caminharam dous metros no interior, concluírom que o nosso centro nom cumpria com a normativa e decidírom que fazíamos muito barulho sem nem sequer realizar umha mediçom”.

“Nom nos deixárom informe algum destas avaliaçons, nem fomos multados”, aseguran desde Gomes Gaioso, que lamentan que o que consideran avaliacións “subxectivas” dos policías fosen asumidas pola Concellaría de Urbanismo “sem ningún outro tipo de relatório técnico realizado por pessoal laboral da área”.

Unha decisión que leva a que, após 14 anos de actividade, “durante a qual a associaçom nom tivo qualquer problema”, agora se lles exixen “umhas condiçons que nada têm a ver com a nossa atividade nem se ajustam à nossa realidade”.

Tampouco obtiveron resposta, indican, ás súas solicitudes de manter unha reunión con responsábeis do departamento de Urbanismo para intentar encontrar unha solución.

“Desde a associaçom entendemos que o feche do local nom está baseado em informes técnicos, senom em perceçons subjetivas, e que as razons que esgrime nom som suficientes para fechar o nosso centro social”, indican.