Cerdedo 2016: Olimpiadas Populares Galegas

Proba de Tiro de corda.

Máis unha edición dunha cita xa asentada no calendario deportivo dos movementos sociais de Galiza e que vai ter lugar o 24 e 25 de setembro. Desta volta,. A Revolta e Cavenca serán as aldeas olímpicas. 

A Revolta e Cavenca, en Cerdedo, aldeas olímpicas neste 2016 da man das Olimpiadas Populares Galegas, unha iniciativa de base, nada desde diferentes movementos e locais sociais de Galiza e que chega xa á súa quinta edición. Vai ter lugar neste pequeno concello da comarca de Tabeirós-Terra de Montes o 24 e 25 deste mes de setembro. Aqueles que queiran tomar parte na iniciativa teñen de prazo para anotarse até o 7 de setembro. As equipas serán de 5 persoas e a cota de inscrición de 15 euros por equipa.

Como novidades nesta edición inclúense as probas do Xogo de Pistas e a Regueifa-Ruada ao Luar, que se veñen a sumar ás xa tradicionais nas Olimpiadas Populares Galegas (OPG), como son a loita galega, a billarda, o salto de lonxitude, o tiro de corda, ou a tritalón por equipas, entre outras moitas.

Por que unhas OPG? Eles propios responden. “As Olimpiadas Populares querem servir para dotar o nosso movimento associativo dum fim de semana de encontro em torno ao desporto, exaltando os seus valores, desfrutando das suas virtudes e promovendo-o como ferramenta de transformaçom individual e social”. Unha cita que teña como eixo o “desporto participativo, consciente e  solidário, que seja espaço de encontro e de trabalho em equipa, e que contribua para fazer-nos menos dependentes e mais livres”.

O ‘Comité olímpico’ está constituído por activistas de diferentes movementos e centros sociais, que asumen o traballo e responsabilidade de facer do evento un encontro do asociacionismo alternativo galego. Nas edicións anteriores tomaron parte na OPG por volta de 20 equipas e 200 participantes. Anteriores edicións decorreron en sitios como O Rosal, Teo ou Allariz.