O certificado Covid seguirá en vigor até o 26 de febreiro

O TSXG autoriza á Xunta a prorrogar a vixencia do certificado Covid (Foto: Úrsula Prego).
O TSXG considera esta medida "idónea e proporcional" tendo en conta a situación epidemiolóxica actual.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou á Xunta esta sexta feira a prorrogar en todo o país, até o próximo 26 de febreiro, a exixencia de presentar o certificado Covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para desenvolver unha serie de actividades. Estaba vixente até este sábado, día 12.

Segundo informa o TSXG, os maxistrados consideran que é necesario ampliar a vixencia da medida debido á situación epidemiolóxica da Galiza e á existencia de risco de transmisión do virus.

Por tanto, o documento seguirá a requirirse para entrar nos locais de hostalaría e de lecer nocturno, así como para acceder ás residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional, a instalacións fechadas nas que se practique actividade física e deportiva non federada, a piscinas cubertas, a albergues turísticos e a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o consumo no seu interior. Do mesmo modo, o certificado tamén continuará exixíndose ás visitas dos pacientes ingresados en hospitais.

O TSXG conclúe no auto, contra o que cabe presentar recurso, que se mantén o xuízo de "idoneidade, necesidade e proporcionalidade" da medida, pois os valores que mostra o estudo técnico achegado pola Consellaría de Sanidade "seguen sendo elevados, o que indica que o virus continúa a ter unha elevada circulación".

O pasaporte Covid-19, segundo subliñan os maxistrados, fai que sexa compatíbel o desenvolvemento de certas actividades "coa contención da expansión do virus". Ademais, destacan que a medida trata de protexer "persoas que presentan unha especial vulnerabilidade", como as residentes en centros sociosanitarios de maiores ou as hospitalizadas.

Taxa de incidencia

A sección terceira da sala do contencioso-administrativo do TSXG, de acordo coa información presentada pola Xunta, advirte que a taxa de incidencia do virus experimentou, desde o 10 de outubro 2021, "un forte incremento". Así, destaca que, a pesar da actual tendencia decrecente, "non se achega á taxa de incidencia que había antes do 10 de outubro de 2021, é dicir, ao comezo da sexta vaga". Así, sinala que o 29 de outubro a taxa acumulada a 14 días era de 18 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que o pasado 5 de febreiro situouse en 2.653.

A taxa de hospitalización en unidades convencionais tamén aumentou nos últimos sete días, ao pasar de 14 ingresos por 100.000 habitantes a 17. E, a respecto da UCI, a taxa de hospitalización subiu, pois o 5 de febreiro situouse en 1,22 por cada por 100.000 habitantes, fronte aos 0,78 que se rexistraron o 29 de xaneiro.