Un 9 de marzo para encher as rúas de Compostela a prol dos dereitos das mulleres

[Galiza Contrainfo]

A Plataforma galega polo dereito ao aborto chama a se mobilizar este domingo (9 de marzo) contra a reforma da lei do aborto que "nos privará do noso dereito a decidir" mais contra "todas as políticas que están a pervertir os nosos dereitos sexuais e reprodutivos". 

 

As organizacións feministas, políticas, sociais e persoas que a título individual toman parte da Plataforma galega polo dereito ao aborto lanzan un chamado á sociedade galega a participar de maneira "masiva" na manifestación nacional que sairá mañá domingo 9 de marzo da estación de tren de Compostela "contra a reforma da lei do aborto". 

Pilar Estévez, integrante da Plataforma galega polo dereito ao aborto lembrou que a campaña deste ano "está centrada na contrarreforma do PP" se ben, acrecentou, visa respostar "todas as políticas que están a pervertir os nosos dereitos sexuais e reprodutivos". Neste senso, desde a Plataforma social lembran que o anteproxecto de lei de reforma anunciado por Gallardón vén a se sumar a "outras moitas cousas que hoxe en día" acontecen na "sanidade pública como os gabinetes psicolóxicos, o fechamento dos Centros de Orientación Familiar (COF), a venda da pílula post-coital que agora hai que pagala...". 

Segundo a portavoz da Plataforma "a muller está completamente tutelada e, sobre todo, submetida ás políticas restritivas do PP" polo que a manifestación nacional convocada para este domingo día 9 de marzo visa dar unha resposta "contundente" ao que, explican, está a situar os dereitos das mulleres "á altura da mal chamada Transición española" a respeito "do marco lexislativo". 

"Un exemplo de violencia institucional"

Pois, para o movento feminista fica claro que de se aprobar o anteproxecto de lei deseñado polo ministro de Xustiza español "non chegariamos nen ao marco de 1985, por certo, absolutamente restritivo cos nosos dereitos" senón que, pola contra, insisten, "estamos a nos xogar o dereito das mulleres a adoptar libremente unha decisión sobre o noso corpo, estamos sendo totalmente manipuladas e menosprezadas" no que, denuncian, é "un exemplo de violencia institucional supor que as mulleres non temos capacidade para decidirmos sobre os nosos propios corpos". Asi é que, a mobilización que sairá ás 12.00h da estación de tren, reclamará o dereito das mulleres, din, a "sermos autónomas e libres". 

"Estamos a nos xogar o dereito das mulleres a adoptar libremente unha decisión sobre o noso corpo"

Asemade, lembran que após a manifestación coa que queren encher a Praza da Quintana, terá lugar a leitura do manifesto asinado por todas as organizacións que integran a plataforma e unha serie de actuacións musicais por conta de cantadoras que quixeron sumarse a "esta acción de protesta" como Ses, Mercedes Peón, Uxía Senlle e As Boubas. 

O BNG desprega unha faixa polo "aborto libre e gratuíto"

Ás reivindicacións da Plataforma sumouse o Bloque Nacionalista Galego nun acto simbólico desenvolvido na Praza do Obradoiro coincidindo co Día Internacional das Mulleres. A organización frontista despregou face a Catedral de Santiago unha inmensa faixa na que se podía ler: 'En defensa dos dereitos das mulleres, aborto libre e gratuíto". 

"É un proxecto involucionista, retrógrado e cavernícola"

Rodeada de numeros@s representantes institucionais da fronte nacionalista e encabezada polo seu portavoz nacional, Xavier Vence, desde o Bloque defenderon que "todo o ano" sexan "días de reivindicación dos dereitos das mulleres" máis, recalcaron, "cando están a ser agredidos polas políticas da dereita". 

O líder da organización frontista lembrou a "exclusión laboral" á que os gobernos do Partido Popular están a condenar as mulleres "masacrando os seus dereitos" senón tamén, subliñou Vence "recortando os servizos públicos" co obxecto de "volver as mulleres ao fogar". @s nacionalistas, que apoiarán a manifestación do 9 de marzo, lanzaron un chamamento ao "conxunto da sociedade" a tomar parte da mobilización para "rexeitar este proxecto de lei involucionista, retrógrado e cavernícola que tenta devolver as mulleres ás catacumbas dunha sociedade na que é considerada un ser menor de idade".