Chaman a "encher Santiago" en apoio a Palestina este sábado

Sami Ashour, Elvira Souto, Óscar Valadares e Ángela Gippini (Foto: Arxina).
"A convocatoria que vimos de lanzar é unha chamamento ao pobo galego en rexeitamento do xenocidio do pobo palestino que Israel está a perpetrar, dando continuidade á política de terror e masacre que vén aplicando desde o ano 1948", indican as organizacións convocantes da marcha.

A Asociación Galaico-Árabe Jenín, BDS Galiza, Galiza por Palestina e Mar de Lumes deron no día de onte unha rolda de prensa para ratificar a convocatoria, para este sábado 28 de outubro, dunha manifestación nacional en Santiago de Compostela en apoio ao pobo palestino, baixo o lema "Paremos o Xenocidio. Galiza con Palestina", que ten previsto saír da Alameda ás 18 horas.

"A convocatoria que vimos de lanzar é unha chamamento ao pobo galego en rexeitamento do xenocidio do pobo palestino que Israel está a perpetrar, dando continuidade á política de terror e masacre que vén aplicando desde o ano 1948", indican as organizacións convocantes da marcha.

Solidariedade internacional

Estas organizacións salientan que "o pobo palestino necesita a solidariedade internacional. Neste sentido, o pobo galego ten un longo histórico de apoio á causa palestina, e nestas dúas semanas leva protagonizadas case 40 mobilizacións populares convocadas polas organizacións que convocan agora esta manifestación nacional". Así, fan un chamamanto ao pobo da Galiza para que continúa a apoiar as mobilizacións e a en"cher as rúas de Compostela o sábado 28".

“Entendemos, ademais, que nos corresponde, como sociedade viva e crítica, denunciar o papel das institucións, parlamentos e partidos da UE, do Estado español e tamén aquí na Galiza que se sitúan de perfil e naturalizan esta política de exterminio”, acrecentan.

Exixencias

Outras das exixencias que realizan as organizacións convocantes e que motivan a manifestación son a petición de cesamento do fogo e a apertura de corredores humanitarios a Gaza e Cisxordania así como "o fin da impunidade do estado sionista de Israel e a suspensión das relacións preferentes" con este Estado.

"Exiximos dos nosos gobernos unha política activa de boicot e sancións internacionais que obrigue Israel a pór fin á ocupación, a respectar a legalidade internacional e as resolucións das Nacións Unidas e que se respecte o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas da Palestina", aseveran