Chaman a "respectar" un arroaz que frecuenta as praias da Costa da Morte

Primeiro plano do arroaz. (Foto: Cemma).
Cemma denuncia "malas prácticas" por parte dos e das bañistas.

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) vén de confirmar a presenza do arroaz solitario (Tursiops truncatus), máis coñecido como Confi, desde hai unhas semanas na Costa da Morte, e máis concretamente en Carnota, Dumbría, Corcubión e Cee.

"Durante a fin de semana frecuenta o porto de Cee, mantendo seguimento e contacto coas embarcacións, sen causar maiores problemas. Despois, de segundas a sextas, polas mañás adoita moverse pola zona da escola de vela de Corcubión, onde a monitora é moi respectuosa con el, recomendando os e as cativas participantes que eviten o contacto directo co golfiño a pesar de que o exemplar se achega ás embarcacións, polo que pode dicirse que é unha situación bastante controlada", explican desde Cemma.

O problema, engaden, chega polas tardes, así como nas fins de semana, pois o animal aproxímase ás praias, vivindo "situacións de acoso por parte dos bañistas, dado que o exemplar achégase aos humanos, pero non é respectado, arremuíñanse ao seu redor buscando o contacto directo".

A organización afirma ter comprobado que esas persoas que se atopan nos areais interactúan "negativamente" e "con faltas de respecto" co arroaz. "Ademais, [os e as bañistas] están suxeitas a un grande risco do cal non son conscientes, dado que en fronte teñen un animal que pode superar os tres metros de lonxitude e os 400 quilos de peso, que pode causar danos mesmo sen querer, e até con posibilidade de contaxio de zoonoses por contacto (vírica epidérmicas ou pneumonía)". 

Por todo iso, lembran, esas actividades "poder ser constitutivas de delito", e máis tendo en conta "que están sendo expostas nas redes sociais".