Charlín e o seu fillo, detidos nunha operación policial que implica 20 persoas

Manuel Charlín

O histórico narcotraficante Manuel Charlín Gama e mailo seu fillo Melchor foron detidos na mañá desta cuarta feira pola Policía Nacional nunha operación que implicou o arresto dunha vintena persoas, tamén ligadas ao narcotráfico. As detencións, ligadas cunha descarga de cocaína, tiveron lugar no municipio de Vilanova de Arousa e outros puntos da provincia de Pontevedra.

 

O operativo policial contou con membros do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco) e axentes da Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco), alén do apoio de efectivos da Garda Civil. O despregamento que culminou co arresto de Charlín, de 86 anos, ten lugar oito anos despois de que este abandonase a prisión pontevedresa da Lama após ter pasado dúas décadas cumprindo condena por narcotráfico e branqueo de diñeiro.

 

En 2010, coincidindo coa sua saída da cárcere, Charlín e a súa familia víronse envoltos noutro proceso xudicial ao tentar recuperar os bens embargados pola Audiencia Nacional no contexto das diversas sentencias por descargas de drogas que destapou o transportista da organización, Manuel Baúlo, quen foi asasinado tempo despois.