Chega a primeira chuvia de estrelas do verán: estas son as datas e as mellores condicións para observalas

Estrela fugaz nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

As deltas acuáridas teñen o seu radiante na constelación Augadoiro, da cal toman o seu nome.

Máis alá das xa coñecidas Perseidas, a época estival trae consigo unha oportunidade para gozar tamén doutras constelacións típicas deste período. Entre elas, as deltas acuáridas.

As deltas acuáridas do sur, fenómeno que se caracteriza por unha actividade modera, xerando aproximadamente uns 25 meteoros por hora baixo condicións óptimas de observación e que se estende desde o 12 de xullo até o 23 de agosto, terán o seu pico no hemisferio norte entre o 30 e o 31 de xullo, segundo informa o Instituto Xeográfico Nacional (IXN).

Meteored explica que as delta acuáridas do sur son unha das primeiras chuvias de estrelas do verán, e comezan a contemplarse arredor do 12 de xullo, polo que xa son visíbeis estes días (nas poucas noites que as nubes o permiten). Trátase dunha chuvia de meteoros que suca os celos entre xullo e agosto.

As súas estrelas fugaces teñen o seu radiante (a constelación da que “parecen”, por perspectiva, proceder) é a do Augadoiro, da cal toman o seu nome. Augadoiro érguese completa sobre o horizonte galego despois da media noite (acompañando o planeta Saturno todo o verán).

Segundo o Observatorio Astronómico Nacional do IXN, este “gran evento” astronómico pódese observar mellor no hemisferio sur, aínda que tamén se pode desfrutar no hemisferio norte, especialmente durante o seu pico.

Tal e como indica a Nós Diario Martin Pawley, integrante da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, a constelación culmina sobre o horizonte sur arredor das cinco da mañá, contra o final da noite. “Esa chuvia de estrelas poderá verse, mais a actividade é modesta”, afirma, pois cando o IXN fala de “25 meteoros por hora en condicións óptimas de observación”, quere dicir na práctica, segundo Pawley, que “por hora poderemos ver ‘algúns’ meteoros”.

“Que ninguén espere, pois, un espectáculo de xogos artificiais. E recordade que estrelas fugaces podemos velas todas as noites. As chuvias de estrelas son só momentos nos que a concentración de meteoros é singularmente alta”, aclara Martin Pawley.