Chegan á Galiza os corpos dos tres galegos falecidos no naufraxio do 'Argos Xeorxia'

O avión que transportaba os corpos dos mariñeiros falecidos nas Malvinas, esta segunda feira, no aeroporto coruñés de Alvedro. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Outro tripulante galego, Juan Antonio García Rei, de Ribeira, permanece desaparecido.

Os cadáveres dos mariñeiros galegos César Acevedo, Santiago Leyenda e Antonio Barreiro, recuperados após o naufraxio do pesqueiro Argos Xeorxia, ocorrido o pasado 23 de xullo ao oeste das illas Malvinas, chegaron na tarde desta segunda feira ao aeroporto coruñés de Alvedro, nun voo procedente do Reino Unido con escala en Madrid.

Os corpos dos tripulantes galegos —de Vigo, Baiona e Noia, respectivamente— foron recibidos na terminal coruñesa polos seus familiares, así como polo delegado do Goberno, Pedro Branco, e o conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, case un mes despois de que o pesqueiro afundise a unhas 200 millas ao oeste das Malvinas.

As autoridades e familiares accederon á terminal coruñesa por unha zona restrinxida próxima ao edificio principal de Alvedro. Após a aterraxe do avión, pouco antes das 17 horas, os corpos serán trasladados a vehículos fúnebres na propia pista, unha vez cumprimentados os trámites documentais que se requiren nestes casos, tras o que sairán do aeroporto con destino ás súas respectivas localidades.

A bordo do buque había 27 tripulantes, entre eles dez procedentes do Estado español —dous deles observadores científicos—. O afundimento do Argos Xeorxia deixa un balance de 14 sobreviventes, 9 falecidos e 4 desaparecidos. Dos corpos recuperados, tres pertencen aos mariñeiros galegos que chegaron esta segunda feira ao aeroporto da Coruña. Outro tripulante galego, Juan Antonio García Rei, de Ribeira, permanece desaparecido.

O pesqueiro, da armadora británico-norueguesa Argos Froyanes, navegaba baixo pavillón británico, con bandeira de Santa Elena, e por iso foron as autoridades do Reino Unido as que abriron un expediente de investigación para determinar as causas do naufraxio, nunha zona na que as condicións do mar eran malas. A falta de coñecerse o resultado desa investigación, as diferentes manifestacións dos sobreviventes apuntan a unha vía de entrada masiva de auga como posíbel orixe do sinistro. Ante a imposibilidade de atallar a situación, o barco deu a alerta e activouse o protocolo de evacuación nas balsas salvavidas.

Por outra parte, o pasado 28 de xullo chegaron a Santiago de Compostela, nun avión fretado polo Goberno estatal, os outros seis sobreviventes do Estado español —catro galegos e os dous observadores científicos, de Albacete e Barcelona, que posteriormente foron trasladados a Madrid—.

Honras fúnebres

Segundo informa a axencia Europa Press, o corpo de Santiago Leyenda, cociñeiro do buque, será velado en Baiona a partir da tarde desta segunda feira na intimidade familiar, e esta terza, após abrir a sala na que se velará o corpo a outras persoas, terán lugar as honras fúnebres sobre as 18 horas na ex colexiata de Santa María, neste mesmo municipio.

Igualmente, desde última hora da tarde será velado o corpo de César Acevedo, patrón de pesca, nas instalacións funerarias situadas á beira do cemiterio da parroquia viguesa de Valadares. Está previsto que Pedro Branco acuda nas próximas horas ás honras fúnebres.