"Cheiraba moitísimo a fume": Un incendio próximo ao Parlamento galego obriga a despregar varios equipos de bombeiros

Lugar do incendio, en Compostela (Foto: Nós Diario).
Segundo puido saber este xornal, unha caldeira do local puido ser a causante do fogo que os bombeiros xa puideron apagar. Afortunadamente non hai que lamentar danos persoais.

Até tres camións de bombeiros foi o que se precisou para sufocar o incendio que na tarde desta terza feira viviu a cidade de Santiago de Compostela, en concreto, nun local de alarmas na Avenida de Lugo, zona do Ensanche compostelán.

Comezamos a cheirar fume e cando saímos fóra vimos como estaba o local ardendo”, declarou a Nós Diario María, a dona do local de hostalaría 'O Cantón' contiguo ao que sufriu o incendio e que foi acordoado pola policía nacional e local.

No lugar dos feitos, moi próximo á redacción de Nós Diario e ao Parlamento da Galiza, congregáronse decenas de veciños e persoas que pasaban para tentar recadar información acerca do acontecido.

Aliás, os feitos ocasioaron un importante colapso do tráfico na zona, na cal se encontra, ademais, a estación intermodal da capital galega.

Unha caldeira?

Segundo puido saber este xornal, unha caldeira do local puido ser a causante do fogo que os bombeiros xa puideron apagar. Afortunadamente non hai que lamentar danos persoais.

A contía dos danos ocasionados polo incendio é descoñecida polo de agora. Será preciso agardar a unha avaliación posterior para coñecer en detalle os danos totais ocasionados.