'O Chicle', condenado a 14 anos de prisión por violar a súa cuñada de 17 anos de idade

Jose Enrique Abuín, 'O Chicle' (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Os maxistrados consideran probado que o acusado (tamén autor do asasinato de Diana Quer) violou a súa cuñada en xaneiro de 2005.

A Audiencia Provincial da Coruña condenou, como autor dun delito de agresión sexual, a 14 anos de cárcere José Enrique Abuín, alias 'O Chicle', por violar a súa cuñada en xaneiro de 2005, cando tiña 17 anos de idade.

O tribunal tamén lle impuxo a prohibición de comunicarse coa vítima e de achegarse a ela durante 22 anos, así como o pagamento dunha indemnización de 30.000 euros, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Os feitos

Os maxistrados consideran probado que o acusado (tamén autor do asasinato de Diana Quer polo que foi condenado a prisión permanente revisábel), o 17 de xaneiro de 2005, tras telefonar a primeira hora da mañá en dúas ocasións a vítima para dicirlle que quería devolverlle un diñeiro ao seu pai, presentouse diante da súa casa e convenceuna, "aproveitándose da súa relación de parentesco", para que subise ao seu coche, "aducindo que irían recoller ese diñeiro".

Tras entrar a menor no vehículo, o acusado, segundo a sentenza, "conduciu a gran velocidade" até o parque San Mamede, no Concello de Lousame, onde se sitúa a capela de San Lourenzo, "nunha contorna forestal".

Os xuíces subliñan que ese lugar é "moi pouco frecuentado a esa hora nun día como o dos feitos".

Unha vez alí, segundo a resolución, despois de intercambiar unhas palabras e facerse co teléfono da súa cuñada e gardalo, o condenado "sacou un coitelo grande e exhibiullo á vítima, á vez que llo pasaba perto do corpo".

Os maxistrados relatan que coa arma branca "sempre na man", díxolle que lle realizase unha felación, ao que a menor se negou. Entón, segundo o relato de feitos probados da sentenza, pediulle que se espise, colocouse sobre ela no asento de copiloto e, "mantendo o coitelo na man e preto do corpo da menor como ameaza", violouna.

Despois, díxolle que se relataba a alguén o acontecido "mataríaa a ela, a súa irmá e a filla da irmá, que tamén era filla del, ademais de matarse el propio".

O tribunal asegura que, como consecuencia destes feitos, a denunciante "padeceu mudanzas substanciais na súa vida cotiá, con afeccións negativas nas súas relacións sociais, familiares, sexuais e afectivas".