“Se chove na Ascensión, 40 días de choiva son”. Atinará o refrán?

Unha nena, nunha atracción das festas da Ascensión nunha fotografía de arquivo (Imaxe: Europa Press).

O refraneiro popular predí chuvias, un día si e outro non, durante os próximos 40 días.

Compostela celebra hoxe o Día da Ascensión, unha xornada marcada no calendario como non laborábel. A pandemia provocou que xa o ano pasado as imaxes da Alameda, con polbeirías ateigadas de persoas, non se repetisen, e desta vez, aínda que as festas máis populares entre os composteláns regresaron timidamente, con limitacións propias da situación sanitaria, mais fano entre intensas chuvias.

Segundo o refraneiro popular, “cando marzo maiea, maio marcea”. E así está a ser. De feito, a tradición oral prognostica outros 40 días de chuvia, un si e un non. “Se chove na Ascensión, 40 días de choiva son, un si e un non”. De momento, o refrán semella ter a razón, pois Meteogalicia prevé intensas chuvias para a mañá da quinta feira, nubes e claros para a sexta feira e chuvias, de novo, o sábado.

Cúmprase ou non o refrán, en Compostela aínda quedan xornadas de festa. A cita cabalar e as atraccións da Alameda non entran no cartaz, mais si os cabezudos, sen ruada e na praza da Quintana, e o torneo de chave.

O prato forte das festas é o concerto de Andrés Suárez, na noite da quinta feira no Obradoiro. Tamén actuarán Cepeda e Sidecars. As entradas, de balde, están dispoñíbeis no Teatro Principal.

As galegas De Vacas actuarán na sexta feira ás 20 horas no Obradoiro e os cataláns María Arnal e Marcel Bagés farán o propio o sábado. A Banda de Música ofrecerá dous concertos: un esta tarde na Quintana, con Brincadeira, ás 19.30 horas, e o día 16 en solitario.

As crianzas teñen a súa propia programación, con espectáculos todos os días na Alameda que requiren de entrada, tamén de balde. 

O teatro chegará ao Principal na tarde do día 13, ás 20 horas, con Crónica dunha heterosexual insatisfeita.

Prognóstico do tempo

Esta quinta feira espérase a chegada dunha fronte activa que traerá un día de ceo parcialmente nubrado con choivas puntualmente intensas pola mañá e unha tarde de chuvascos ocasionais con apertura de claros.

Segundo a información publicada por Meteogalicia, o vento soprará de compoñente oeste moderado, virando a norte pola noite. As temperaturas mínimas seguirán sen cambios, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. Nas cidades galegas as temperaturas máximas subirán até os 20 graos en Ourense, mentres os valores mínimos descenderán até os 10 graos en Lugo e Santiago.