Chuvias fortes na Galiza para iniciar a semana do solsticio de verán

Dúas persoas refúxianse do vento e da chuvia baixo o paraugas. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
O Concello de Santiago activou un dispositivo de prevención de inundacións en varios puntos da capital galega.

Meteogalicia decretou unha alerta amarela por chuvias intensas que afectará o litoral atlántico desde O Barbanza até Terra de Soneira. O aviso permanecerá activo desde as 9 ás 21 horas.

Esta segunda feira Galiza quedará na influencia das baixas presións situadas ao oeste e unha fronte fría, asociado a unha borrasca, afectará á comunidade, especialmente na segunda metade do día, con precipitacións que poden superar os 40 litros por metro cadrado en 12 horas.

A semana comeza cos ceos moi nubrado e, chuvias no litoral, localmente fortes, que progresivamente irán estendéndose polo resto do territorio.

A alerta que Meteogalicia concentra nas comarcas do Barbanza, Noia, Muros, Fisterra e Terra de Soneira, máis tamén nas lindeiras da Barcala, Xallas, Sar e Compostela, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) faina extensiva ás Rías Baixas e ao interior da Galiza, con intervalos fortes de vento nas zonas costeiras.

Prevención en Compostela

Ante a previsión de fortes precipitacións para esta segunda feira, o Concello de Santiago activou un dispositivo de prevención de inundacións en varios puntos da capital galega.

Segundo informou o Goberno local nun comunicado, os técnicos municipais en colaboración con Viaqua realizaron nos últimos días revisións de sumidoiros e redes de canalizacións de pluviais: en total, 300 sumidoiros e 1.000 metros de rede de pluviais, con especial atención a puntos que adoitan rexistrar inundacións en episodios de choivas intensas.

O Goberno santiagués asegura que o departamento de Obras traballa no plan de drenaxe e de novas canalizacións, actuacións para as que se reservan 300.000 euros nos orzamentos municipais deste ano.

Ademais, solicita a colaboración da Xunta da Galiza para realizar intervencións puntuais contra as inundacións en zonas concretas do municipio como o Ameneiral do Viso, cuxa situación empeorou como consecuencia das obras da Cidade da Cultura e a ampliación da AP-9.

Solsticio de verán

O risco de precipitacións manterse nos próximos días. A quinta feira 20 de xuño comeza o verán. Exactamente ás 22:51. Durará 93 días e 16 horas, até o 22 de setembro, inicio do outono.