Cibercarrachos atacan e deixan inactiva durante dúas horas a web do Parlamento galego

Pazo do Hórreo. (Imaxe: Nós Diario)

País Valencià, Canarias, Euskadi, Murcia e Asturias tamén rexistraron ataques semellantes nas súas Cámaras

A web do Parlamento da Galiza foi obxectivo o pasado sábado dun ataque informático por parte de cibercarrachos que conseguiron inactivar a páxina durante dúas horas.

Segundo recolle a axencia Europa Press, o ataque foi perpetrado polos cibercarrachos de NoName57, de orixe rusa, que recentemente bloquearon outras webs non só na Galiza e no Estado español, se non en diferentes Estados europeos.

Fontes do Parlamento galego confirmaron que durante a mañá do pasado sábado, 10 de febreiro, a web da Cámara galega foi "atacada por cibercarrachos", o que deixou sen servizo a web durante un par de horas, aínda que non se detectaron " incidencias adicionais".

O ataque foi mitigado polo Servizo de Tecnoloxías da Información, coa colaboración da empresa que presta servizos de telecomunicacións na Cámara. Posteriormente, o Parlamento trasladou a denuncia do ataque á Policía española.

O mesmo grupo reivindicou na mesma xornada ataques contra os portais doutros parlamentos, como o do País Valencià, Canarias, Euskadi, Murcia e Asturias, así como dos portos de Cartaxena, Bilbo, Barcelona ou A Coruña.

Tamén sufriron ataques do mesmo tipo institucións estatais como a web de Moncloa, Tribunal Constitucional ou o Ministerio de Administracións Públicas.

A técnica utilizada é a denegación de servizo distribuído (DDoS), que implica unha avalancha de solicitudes simultáneas ao servidor dunha web institucional. Ao non ser capaz o servidor de xestionar tantas solicitudes simultáneas, conseguen deixalo temporalmente fóra de servizo.