Un ciclista de 64 anos de idade perde a vida en Lalín tras sufrir unha indisposición

Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza (Foto: Nós Diario).
En concreto, o suceso produciuse no punto quilométrico 4.5 da EP-6004, á altura da parroquia de Gresande.

Un ciclista de 64 anos de idade perdeu a vida tras sufrir unha indisposición, segundo apunta a investigación, mentres circulaba coa súa bicicleta na localidade de Lalín (O Deza).

Tal como informou o 112 Galiza, os feitos ocorreron sobre as 18.40 horas deste domingo e foi un veciño da zona o que alertou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tras atoparse ao home tirado no chan.

En concreto, o suceso produciuse no punto quilométrico 4.5 da EP-6004, á altura da parroquia de Gresande. Por iso, os servizos de emerxencia solicitaron a intervención do 061, a pesar de que os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.

Tamén foron informados os Bombeiros de Silleda (O Deza), o Grupo de Emerxencias Sanitarias (GES) de Lalín, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil.

Investigación

Precisamente a Garda Civil investiga os feitos, aínda que todo parece apuntar a que o home sufriu unha indisposición e perdeu a vida.

Fontes consultadas aseguraron que o persoal sanitario nada puido facer pola vida do home e, sobre as 21.30 horas, procedeuse ao levantamento do cadáver, ao cal realizaráselle a autopsia en Compostela.