As Cíes, albo da presión turística, teñen o cartel de completo para esta fin de semana

Turistas no Alto do Príncipe, un dos sitios máis emblemáticos e visitados das Illas Cíes. (Foto: Islascies.eu)
O número de visitas durante a Semana Santa superou as 12.000.

As Illas Cíes, na ría de Vigo, colgaron o cartel de completo para a ponte do 1 de maio e desde onte e até outubro activáronse as viaxes diarias en barco desde Vigo e Cangas, anticipándose a data destas viaxes pola "alta demanda". 

Este arquipélago, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, volverá encherse este sábado, domingo e mais na segunda feira, 1 de maio, xa que a cota de 450 prazas diarias dispoñíbeis para visitar as illas -por non ser tempada alta- xa está completa.

"Esta cota de 450 prazas queda curta para atender a demanda. Os barcos sairán a media capacidade, xa que a cota é moi reducida e o Plan reitor de uso e xestión non contempla esta ponte, tan importante turisticamente, atrasando ao 15 de maio o comezo da tempada alta", queixábase a responsábel comercial da navieira Mar de Ons.

Non é a primeira vez que navieiras critican o plan reitor de control das actividades prohibidas e permitidas nas illas, mesmo teñen alegado xudicialmente. Aliás, son reiteradas as denuncias contra navieiras pola venda de máis billetes dos permitidos, superando o límite de capacidade das Cíes. En marzo de 2021 a defensa de dúas empresas investigadas pola sobrevenda de billetes aludía nos xulgados a supostos problemas na aplicación da Xunta que xestiona a venda dos pasaxes e a erros ao contar as persoas.

A sobrevenda de billetes puxo en cuestión a capacidade da Xunta para garantir a salvagarda dun espazo de máxima protección ambiental e de tan elevado valor ecolóxico e paisaxístico. 

Límite de visitas

A normativa do parque, "co fin de ordenar e reducir o posíbel impacto negativo da visita ás illas", regula os usos do espazo e o número diario de entradas tanto de visitantes dun día como de campistas ou fondeos de barcos privados. Até 1.800 persoas poden visitar Cíes ao día en temporada alta (450 en temporada baixa), e o límite diario para fondear buques privados neste arquipélago é de 175. A estas cotas hai que sumar a capacidade do cámping situado na illa do Faro (propiedade dunha empresa que tamén xestiona o transporte en barco ás illas): 800 persoas diarias. 

Para visitar as Illas Atlánticas é necesaria agora unha autorización previa da Xunta e un billete de barco emitido por algunha das navieiras concesionarias do transporte de viaxeiras á reserva natural. Precisamente, o primeiro dos requisitos foi instaurado logo que de que varias destas empresas fosen investigadas para aclarar se despacharan boletos de máis.

Capacidade completa

12.000 visitantes xa pasaron este ano, na Semana Santa, por uns arquipélagos que figuran baixo a protección ambiental máis elevada do Estado. Ademais, Cíes, xunto a Ons e Sálvora son zonas de especial conservación para as aves (ZEPA), de especial conservación (ZEC) e de especial protección dos valores Naturais (Zepvn). 

Marta Fernández-Tapias, delegada territorial da Xunta en Vigo, afirmou que Cíes rexistrara "récord histórico" de visitas en 2022, con 330.000 persoas, 12% máis que o ano anterior. En total, os arquipélagos do Parque Nacional recibiron máis de 490.000 turistas, cun crecemento que se aproxima a 7,5% respecto do ano anterior e que se rexistra agora tamén nos meses de inverno. 

Protección ambiental fronte a promoción turística

O 1 de xullo de 2002 publicouse no BOE a lei que declara o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas da Galiza. O DOG do 27 de decembro de 2018 recolle o decreto polo que se aproba o seu plan reitor de uso e xestión (PRUX).

Nos 16 anos que separan ambos os documentos e nos cinco posteriores non son poucas as voces que poñen en dúbida a xestión da reserva (desde 2008, competencia exclusiva da Consellaría de Medio Ambiente), denunciando o risco de desaparición de especies en perigo de extinción e ameazadas, así como as alteracións sufridas nos bosques dos arquipélagos. 

Unhas cuestións que entidades ecoloxistas asocian, por unha parte, ás baixas partidas orzamentarias para conservación, e, pola outra, á elevada presión turística promovida polas Administracións.