Saúde

A gripe fai estragos nos hospitais galegos, que baten récords de ingresos e consultas

A poboación xeral xa pode vacinarse contra a gripe e a Covid-19. (Foto: Europa Press)
Desde o Sergas auguran que o 'pico' máximo de contaxios aínda non se alcanzou na Galiza.

O número de ingresos por gripe e a taxa de consultas en Atención Primaria da última semana do ano 2023, entre o 25 e o 31 de decembro, bateron as marcas das cinco tempadas anteriores. Ademais, até o momento, na actual tempada morreron 73 persoas diagnosticadas con este virus, das que 23 considérase que o fixeron por gripe. Así figura no último balance de vixilancia desta enfermidade na Galiza, publicado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e correspondente á semana 52 do 2023, é dicir, actualizado até o domingo 31 de decembro.

Na sexta feira día 29, precisamente, a Xunta decidiu reforzar as medidas contra as infeccións respiratorias, como a recomendación xeral de máscaras en todos os centros sanitarios e a activación dos plans de continxencia en case todos os hospitais públicos. De acordo co documento de Saúde Pública, a tendencia de infeccións por este virus aínda era "crecente", á espera dun pico que o Sergas cre que non chegou aínda.

Nos últimos sete días do ano producíronse un total de 486 ingresos con gripe confirmada, 43% máis que na semana inmediatamente anterior. De acordo coas gráficas, trátase dunha cifra récord se se teñen en conta os datos de todas as tempadas de gripe desde a 2017-18 —sen contar a 2020-21 e a 2021-22, cuxas cifras se presupoñen inferiores polo impacto da Covid-19—, nas que o máximo chegara a ser de 400 hospitalizacións nunha semana.

Así, a taxa de ingresos por gripe entre o 25 e o 31 de decembro de 2023 entre a poboación galega foi de 18,1 por cada 100.000 habitantes. Por grupos de idade, as taxas máis elevadas observáronse no grupo de 65 e máis anos, con 50,7 hospitalizacións por cada 100.000 habitantes; seguida da franxa 45-64 anos, con 11,2 ingresos por cada 100.000 persoas; e a de 0-4 anos, con 9,7 por cada 100.000.

No que vai de tempada, o Sergas notificou un total de 1.896 hospitalizacións por gripe, todas elas con virus do tipo A, das cales foron a unidades de coidados intensivos 109 pacientes.

En canto ás consultas por gripe en Atención Primaria, na semana 52 do 2023 medraron por volta de 42%, até alcanzar unha taxa de 218 asistencias por cada 100.000 habitantes, tamén a cifra máis altas que as últimas tempadas, cando non alcanzaran as 200. O incremento das taxas de consultas produciuse nas catro provincias, con taxas que oscilan entre as 164 de Lugo e as 239 por cada 100.000 de Ourense.

A taxa de consultas tamén creceu en todos os grupos de idade a excepción do de 5 a 19 anos, no que descendeu un 19%, até as 107 por cada 100.000. Mentres, o grupo 20-44 roza a taxa de 300 consultas, mentres que o de 65 ou máis anos se sitúa entre as máis baixas con 119 por cada 100.000. De media, durante a semana 52 do ano cada médico do Sergas atendeu catro casos de gripe, unha proporción que tamén é a máis alta das últimas tempadas.