A CIG advirte que aumentar as horas de formación en empresa suporá unha “perda de calidade” da FP

Allumnado de Formación Profesional nun obradoiro

O tempo dos módulos profesionais nos institutos non chegaría nin ás 1.000 horas nos ciclos medios e superiores, é dicir, "nin sequera a metade da súa duración total".

A CIG-Ensino mostrouse "moi crítica" ante o anuncio feito polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, de aumentar até o máximo legal as horas de formación en empresa nos ciclos medios e superiores a partir do curso que vén.

Para a organización sindical, incrementar as horas de formación en empresa implicará  unha "perda de calidade" da FP, xa que o tempo dos módulos profesionais nos institutos non chegaría nin ás 1.000 horas nos ciclos medios e superiores, é dicir, "nin sequera a metade da súa duración total".

Nun comunicado, a CIG criticou esta decisión da Consellaría, lamentando a "falta de respecto absoluta" que supón, ao seu xuízo, este anuncio "transcendental" sen convocar nin consultar, segundo di o sindicado, á mesa sectorial.

"A decisión de ir a máximos da Consellaría é na práctica unha dualización total da FP", lamentou a CIG, alertando que a implantación desta reforma "pode supor recortes de profesorado".

"Se até o de agora o profesorado de FP impartía de media 1.600 horas nos ciclos medios e superiores, agora pasará a impartir 1.200 ou 1.300, dependendo de quen dea os módulos de inglés", engadiu.

A CIG considera que a modalidade dual actual "non é ningún modelo de éxito", indicando que o sindicato recibe "múltiples queixas" de alumnado por problemas que teñen nas empresas respecto diso das súas funcións laborais, que nalgúns casos "rozan a explotación e a suplantación de postos de traballo".

Por todo iso, a organización pide ao Goberno galego que convoque unha mesa sectorial para tratar este tema e que se abra un período de consulta xeral a todo o profesorado.