A CIG alerta de que a Consellaría de Educación pensa reducir postos de traballo no ensino

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
A central nacionalista denuncia que a Xunta "oculta información" e aínda non compartiu as súas intencións sobre as ofertan no corpo de mestres de Infantil, Primaria e Educación Especial.  

A piques de rematar o prazo no que as xefaturas de Inspección deben contar coas propostas das diferentes inspectoras e inspectores para decidir as prazas que se ofertan no corpo de mestres de Infantil, Primaria e Educación Especial, a CIG-Ensino denuncia que "non existe ningún documento compartido coas organizacións sindicais máis alá das xubilacións”. 

A central nacionalista denuncia, a través dun comunicado, esta “dinámica de ocultación de información e contraste coa representación do persoal docente” que implica que “non haxa prazos nin intención de ter unha negociación real”.

Neste sentido, a CIG-Ensino indica que as direccións dos centros de Secundaria teñen até o 22 de xullo para cargar as vacantes e estas non se negocian coas Xuntas de Persoal, “o que imposibilita un control sobre os recortes e o perfil das prazas”. 

“A Inspección”, engade, “é quen se encarga de facer ese traballo no caso de Infantil e Primaria e neste momento non se ten ningunha información máis alá do anuncio persoal de supresión a algúns docentes e da negativa a aumentar aulas e profesorado en centros nos que a matrícula así o marca", agregan.

Por este motivo, a central sindical pon de manifesto que as reunións convértense "nunha farsa dada a imposibilidade real, por prazos e por capacidade de contrastar a información cos centros".

Ademais, a CIG-Ensino advirte que a decisión de limitar agrupar aulas de diferentes niveis a 14 alumnos e alumnas de Infantil é “un novo exemplo da farsa”. Por último, alertan de que son constantes as comunicacións de centros nas que se alerta da redución de postos de traballo, pola vía de reducir o “cupo docente”.