Os vindeiros 14 e 21 de febreiro

CIG e CCOO convocan folga polo "recorte de prestacións" nunha licitación do Sergas

Manifestación pola sanidade pública. (Foto: Europa Press)
Os sindicatos denunciaron na cuarta feira que a empresa Esteve Teijín estaría a incumprir os pregos do contrato de licitación co Sergas, no referido ao número de profesionais contratadas. Ademais, a tampouco estaría a respectar as condicións laborais das persoas traballadoras, e mesmo tería levado a cabo despedimentos "disciplinarios".

A Confederación Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CCOO) convocaron unha folga para o 14 e o 21 de febreiro entre as persoas traballadoras na empresa Esteve Teijín. Os sindicatos toman esta decisión despois de denunciar na cuarta feira o "incumprimento de contrato" desta licitación do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A compañía fíxose cun contrato de case corenta millóns de euros para a realización anual de 25.000 tratamentos respiratorios a domicilio nas áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra-O Salnés e Santiago-Barbanza.

Tanto a CIG como CCOO denuncian que, co obxectivo de maximizar os beneficios, Esteve Teijin estaría a levar un "recorte de prestacións" que a fan incurrir nun incumprimento dos pregos do contrato co Sergas.

Neste sentido, pídenlle ao Sergas que interveña e faga uso das súas competencias para obrigar á empresa a cumprir o contrato, inclusive as cláusulas sancionadoras, pois os sindicatos explican que está prevista unha multa diaria á concesionaria por cada traballador ou traballadora a menos que asigne ao servizo. 

"Pouco máis da metade" do persoal 

Precisamente, un dos incumprimentos do contrato que denuncian CIG e CCOO é o número de persoas traballadoras contratadas agora mesmo por Esteve Teijín. Actualmente, conta con 77 profesionais, "pouco máis da metade" do que os pregos do contrato indican, un mínimo de 136.

Destas 77 persoas contratadas, 53 están destinadas nas áreas sanitarias de Vigo e de Pontevedra e o Salnés, cando deberían ser 88; e 24 na área sanitaria de Santiago-Barbanza, polos 48 que recolle a licitación.

Ademais do cadro de persoal reducido, as traballadoras da empresa estarín a sufrir unhas condicións laborais "inasumíbeis", xa que non se cobren as baixas, vacacións ou permisos. Mesmo critican que Esteve Teijín tería aplicado varios despedimentos "por motivo disciplinario".

Consecuencias nos doentes

Este baixo número de profesionais tamén estaría a afectar na calidade asistencial aos propios usuarios do servizo. As ratios elevadas de pacientes por traballador, sumado á reducción no número de vehículos que Este Teijín debe empregar para prestar o servizo, mermou as posibilidades das traballadoras para prestar os tratamentos domiciliarios.

Mesmo a empresa chegou a dicir aos profesionais en novembro do ano pasado que, a partir dese momento, os tratamentos deixarían de darse a domicilio, e pasarían a fornecerse no Centro Respiratorio Esteve Teijín Asistencial máis próximo ao fogar de cada doente. Algo que incumpriría a propia natureza do contrato, no que se indica que este debe ser un tratamento ambulatorio.