A CIG convoca unha concentración en Compostela "por unha Europa dos Pobos e con xustiza social" o 21 de setembro

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril (no centro), nunha mobilización na Coruña (Foto: Nós Diario).
O sindicato nacionalista exixirá, ademais, a derrogación das reformas laborais e unha nova lexislación que restitúa os dereitos arrebatados á clase traballadora por mor das políticas ditadas da UE, que disciplinadamente asumen e aplican os Estados, nomeadamente o español.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) anunciou a convocatoria dunha concentración, baixo o lema “A clase traballadora galega por unha Europa dos pobos e con xustiza social”, na compostelá Praza do Obradoiro para a vindeira quinta feira, día 21 de setembro, ás 10 horas, coincidindo co evento ministerial europeo no cal se abordará “o futuro do traballo e do diálogo social”.

A central sindical denuncia a súa sistemática exclusión para a participación en igualdade de condicións a outros sindicatos e interlocutores sociais, que si estarán no evento ministerial convocado con ese motivo.

A CIG denuncia que esta exclusión vulnera os dereitos de representación institucional que ten como sindicato máis representativo desde o ano 1982.

Condición pola que participa como membro de pleno dereito na delegación española da Organización Internacional do Traballo (OIT) e dos organismos tripartitos creados no seo da Administración Xeral do Estado e os seus organismos autónomos.

Derrogación das reformas

O sindicato nacionalista exixirá, ademais, a derrogación das reformas laborais e unha nova lexislación que restitúa os dereitos arrebatados á clase traballadora por mor das políticas ditadas da UE, que disciplinadamente asumen e aplican os Estados, nomeadamente o español.

Máis nun “contexto de crise como o actual, no cal desde instancias comunitarias xa se avanzan novas medidas de austeridade que empeorarán as condicións laborais, sociais e de vida das traballadoras e traballadores no Galiza, xa lastradas por unha inflación desbocada que se vén sumar á perda de dereitos e salarios acumulada en máis dunha década”.