Ensino

'Profesorado farto': A CIG convoca folga xeral no ensino ante a "chantaxe" da Consellaría

Teresa Carballido, Diego Boquete, Suso Bermello, Laura Arrojo e Ana Rodiño, esta terza feira, 10 de outubro, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
CCOO, ANPE e UXT asinarán esta cuarta feira o acordo ao que chegaron co Goberno galego

A CIG-Ensino, sindicato con maior representación na educación non universitaria, anunciou unha folga xeral na educación galega para o 24 de outubro co obxectivo de rexeitar o acordo de baixada de ratios e de horarios que asinarán tanto a Xunta da Galiza como as demais organizacións sindicais con representación na mesa sectorial docente non universitaria: CCOO, ANPE e UXT.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, compareceu esta terza feira, 10 de outubro, para avanzar a convocatoria de folga xeral no ensino contra un pacto que o sindicato considera "insuficiente" e unha "chantaxe" por parte da Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades. En concreto, o documento final que a Xunta trasladou na segunda feira recolle unha redución escalonada das ratios nos centros públicos e concentrados que comezaría no curso 2024/25 ao pasar de 25 a 20 estudantes por cada aula no cuarto curso de Infantil. Ano a ano iríanse incorporando o resto de cursos de Infantil e Primaria, finalizando a redución dentro de nove anos, no curso 2032/33, momento no que, segundo a Consellaría, comezaría negociación para reducir as ratios na Educación Secundaria e en Bacharelato. 

Con respecto ao horario lectivo, un aspecto que os sindicatos marcaron como "liña vermella", o acordo que finalmente ratificaran tres deles implica a redución de 25 a 23 horas semanais en Infantil e Primaria –antes de 2011 eran 21–. O documento tamén inclúe incrementos retributivos nos complementos por formación permanente e por exercer labores directivos que estarán aplicados por completo o 1 de xaneiro de 2026.  

"Chantaxe" aos sindicatos

En palabras de Bermello, o acordo proposto por Educación "é literalmente un carpetazo á única oportunidade aberta desde a chegada do PP á Xunta de negociar melloras reais nas condicións laborais do profesorado e no sistema educativo e, polo tanto, de reverter os recortes de dereitos que se levan perpetrando desde hai máis dunha década".

O secretario nacional da formación fixo unha valoración "moi negativa, polas formas e polo fondo" da negociación coa que, ao seu xuízo, a Xunta fixo "unha chantaxe" ás forzas sindicais. "Hai alguén que no seu san xuízo pense que o presidente Rueda, que está nun vórtice electoral, estea disposto a anunciar que non vai reducir as ratios por capricho?", preguntou Bermello.

Ante un documento que "non incorpora ningún avance", a CIG-Ensino avanzou a súa intención de convocar unha folga xeral na educación galega para o 24 de outubro. A folga será para que "o profesorado tome a palabra" e se mobilice "contra un acordo que, aínda que introduce algunhas melloras, é insuficiente, unha trampa e unha traizón". 

Na rolda de prensa, decorrida unha hora antes de que rematara o prazo para que o resto de sindicatos comunicaran á Consellaría se aceptaban ou non o acordo, Bermello pedíalles que se sumasen á protesta –coa posibilidade de pactar unha data alternativa–, aínda recoñecendo que a CIG-Ensino estaría disposta a "asumir os riscos" de promover esta acción de protesta en solitario. 

"Melloras" para todo o sistema

Todo apunta a que así será, pois o resto dos sindicatos con representación na mesa sectorial confirmaron esta terza feira a Educación que asinarían o documento nun acto que está previsto para hoxe. O responsábel de Acción Sindical de CCOO-Ensino, José Fuentes, destacou as "melloras para todo o sistema educativo" que vai supor o documento e que se implantarán "xa" o curso que vén. José Fuentes afirmou que, ao longo do diálogo coa Consellaría, "conseguiron" que se introducira a cuestión do horario lectivo en Infantil e Primaria.

"O primeiro documento era moi raquítico e fomos capaces de introducir melloras", explicou na mesma liña o presidente do sindicato ANPE, Xulio Díaz, formación que foi tamén crítica durante a negociación.

Por parte de UXT, Sandra Montero, secretaria de Ensino do sindicato, ratificou a sinatura do acordo porque "é un camiño" cara á súa "meta". "É un avance que non podemos rexeitar", engadiu.