A CIG critica que a CRTVG cubra postos de alta dirección con persoal externo

Instalacións da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela (Foto: CRTVG).
O sindicato recorda que os cargos deben ser traballadores do ente público.

Os postos laborais da dirección da Compañía de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) deben ser provistos con persoal do cadro do ente público, e non mediante relacións laborais de alta dirección, como acontece na actualidade.

Así o conclúe Tiago Alvite, secretario da sección sindical da CIG na CRTVG, na súa comparecencia en condición de consultante ante a Comisión paritaria de vixilancia e interpretación do convenio colectivo á que tivo acceso Nós Diario

A estrutura directiva da CRTVG está organizada mediante a resolución do director xeral, do 1 de xullo de 2022 e o correspondente organigrama de postos. Os empregados que a empresa considera directivos organízanse en seis áreas e son provistos mediante contratos de traballo formalizados consonte o RD 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, sen someterse ao convenio colectivo. Dos 38 postos considerados directivos, só sete dependen directamente do director xeral. Os 31 restantes dependen doutros postos de carácter intermedio. 

Alvite fai referencia a sentenzas que negan a cualificación destes 31 postos como cargos da alta dirección, como a do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza e de tribunais homólogos  de Catalunya e Madrid, así como do Informe de fiscalización do Consello de Contas que, en 2010, xa constataba esta irregularidade. 

"O corolario de todo o exposto é que os postos de traballo que non implican o exercicio autónomo de poderes inherentes á titularidade xurídica e empresa e relativos aos seus intereses xerais deben ser provistos con persoal do cadro da CRTVG, de acordo co disposto no Convenio colectivo, e non mediante relacións laborais de alta dirección, como se vén facendo de forma patolóxica", conclúe.