CIG critica a utilización dun texto que describe unha violación nas oposicións de inglés da ESO

Denuncian o uso ‘descontextualizado’ dun extracto de ‘Santuario’, de William Faulkner. “É unha auténtica provocación empregar esta obra de Faulkner nun exercicio destas características”.

A secretaría da Muller da CIG e CIG-Ensino critican a utilización nunha das probas prácticas da oposición ao corpo do profesorado de secundaria dun texto que describe unha violación, un extracto da obra ‘Santuario’, de William Faulkner. “Un texto que describe unha violación para facer unha proba, que constaba de oito exercicios e que consistía en realizar un resumo do texto, unha análise sociolingüística, respostar a preguntas sobre vocabulario, fonética, e logo facer unha escolla dun apartado e explotar ese texto con xogos dirixidos ao alumnado”.

 

Desde a CIG denuncian a escolla “precisamente dun texto que describe unha violación a unha muller, unha agresión sexual”, para ser traballado por parte do profesorado de lingua inglesa, “sen contextualizar o texto nunha actividade dirixida a abordar a problemática da violencia contra as mulleres, sen pretender traballar de xeito crítico a obra como unha alegoría da violencia, da corrupción, ou da verdadeira faciana do patriarcado”.

 

O sindicato considera que “non pode ser casual” que entre a múltiple posibilidade de textos que poden ser escollidos por parte do tribunal da oposición, “sexa precisamente este”. “Consideramos que é unha auténtica provocación empregar esta obra de Faulkner nun exercicio destas características”. A central afirma que é “de todo inaceptábel empregar de xeito pedagóxico un texto que describe unha agresión sexual.