CIG e Defensa da Sanidade Pública cargan contra a decisión da Xunta de "privatizar" as interrupcións de embarazos

Sede da Consellaría de Sanidade. (Foto: Nós Diario)

Consideran que se vulnera un “dereito fundamental” das mulleres

A CIG e a Asociación en Defensa da Sanidade Pública censuraron a decisión da Consellaría de Sanidade de sacar a licitación un contrato por valor de case 1,4 millóns de euros para o próximos tres anos para derivar a clínicas privadas as intervencións para interromper embarazos de forma voluntaria, o que consideran "un paso máis no proceso de privatización" da sanidade pública.

En cadanseu comunicado, a central sindical nacionalista e o colectivo consideran que a contía do contrato (prorrogábel até os cinco anos) debería dedicarse a reforzar o persoal do Sergas para que o dereito para interromper de forma voluntaria un embarazo se preste desde a sanidade pública.

CIG-Saúde mostrou a súa discrepancia co argumento da Xunta de que se trata de "intervencións pouco complexas" que, por tanto, poden ser derivadas ás clínicas privadas, xa que podería aplicarse a "un gran número de intervencións" de cirurxía ambulatoria "que se fan na sanidade pública".

Por tanto, o sindicato remarca que o Sergas debe garantir a dispoñibilidade de recursos para realizar "todas as intervencións" e interpreta que contratar as interrupcións de embarazo na privada supón "descapitalizar" a sanidade pública en favor da privada.

Ademais, tamén censura que se usen como argumento os supostos problemas para atopar profesionais que as realicen por motivos de obxección de conciencia. "Non pode ser que os profesionais con obxección de conciencia se concentren na sanidade pública e só se poidan facer estas intervencións na sanidade privada", concluíu.

Vulneración de dereitos

Pola súa banda, Defensa da Sanidade Pública coincide coa CIG en que a licitación destas cirurxías avanza na "privatización" do Sergas dado que, até o momento, unicamente se derivaban á privada aquelas intervencións baseadas en criterios de urxencia vital.

Consideran que se trata dunha "vulneración dun dereito fundamental" das mulleres, ás que, din, tamén "estigmatiza" porque "deixan de ser dignas de ser atendidas na sanidade pública".

"A Xunta demostra novamente a súa incapacidade para planificar e xestionar os recursos sanitarios públicos, dado que a medida xustifícase pola imposibilidade de que os servizos sanitarios públicos do Sergas poidan prestar dita asistencia cos recursos humanos, materiais e de infraestrutura que ten na actualidade", remarcou o colectivo.

Neste sentido, lembran que corresponde ás Xerencias dos hospitais "organizar os circuítos adecuados" para que o dereito á obxección de conciencia dos profesionais non supoña unha traba para que as mulleres exerzan o seu dereito a interromper o embarazo de forma voluntaria nun centro público.

Así pois, piden a retirada do contrato e a adopción de medidas desde a Administración para garantir o acceso "en todos os centros sanitarios públicos", así como a posta en marcha dunha regulación da obxección de conciencia que non interfira ao exercicio deste dereito para as mulleres.