Tamén co traslado de ensinanzas

CIG denuncia que Educación elimina un mínimo de 31 postos de traballo co encerramento de centros

Mobilización en contra do fechamento do colexio Monte Caxado de As Pontes

Educación non estaría a dar ningún dado sobre a destrución de postos de traballo decorrente da decisión de fechamento de centros. Quen si achega cifras é CIG Ensino. 

CIG Ensino denuncia que na Mesa Sectorial decorrida esta terza feira na Consellaría de Educación a representación do Goberno galego foi incapaz de pór sobre a mesa dados fidedignos sobre os efeitos que en materia de emprego irán decorrer do encerramento de centros e do traslado de ensinanzas.

 

A central maioritaria no sector si que achegou unha aproximación da destrución de emprego. CIG ensino estima, informa en nota de imprensa, que se perderán no mínimo 31 postos de traballo a consecuencia destes novos recortes nas aulas galegas. "A cifra podería chegar a 35 se a Xunta desatende as necesidades de especialistas en PT (profesorado de pedagoxía terapéutica) que a día de hoxe existen por riba do catálogo de postos de traballo debido ao elevado número de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE)".

 

De acordo coa CIG ensino, os efeitos concretos desta nova vaga de cortes no ensino público serían, centro a centro, os seguintes:

 

  • Outes

 

En principio non está programada ningunha mudanza no total de unidades escolares, mais a CIG teme que se adien as "supresións" para un momento superior, sendo que, argumenta, "figuran 6 unidades de educación infantil con 8 docentes cando na actualidade só existen 5 aulas operativas".

 

  • As Pontes

 

Destrúese un posto de PT e dous están no ar. Na secundaria, vanse perder 6 prazas no profesorado. O traslado de ensinanzas incrementará a masificación no centro receptor, o IES Moncho Valcárcel: este só incrementará unha aula polas catro existentes no CPI que agora fecha.

 

  • O Porriño

 

Destrución de 6 postos de traballo co traslado das ensinanzas do CPI ao IES.

 

  • Ribadavia

 

Eliminación de 16 postos de traballo, 2 deles no coro de mestras e mestres e 14 no profesorado de secundaria, 9 deles que proveñen do CIP e 5 postos con destino provisorio no centro receptor.

 

En todo este proceso, censura a CIG, a Consellaría de Educación puxo en evidencia o seu "autoritarismo" e mesmo "covardía, a fuxir "do debate público, da negociación cos sectores afectados, da comunicación co profesorado e o resto da comunidade educativa".