A CIG denuncia a falta de ar acondicionado en hospitais

Hospital comarcal do Barbanza (Foto: Sergas).
Situación "insufríbel" na área sanitaria de Santiago e Barbanza, segundo a central nacionalista.

A CIG-Saúde denunciou esta sexta feira que os centros e hospitais da área sanitaria de Santiago e O Barbanza carecen de medidas de plans contra episodios de calor. Este feito, para a central nacionalista, impacta contra pacientes, persoas usuarias e tamén prexudica as traballadoras e os traballadores, que deben facer fronte a "altas temperaturas" nos edificios onde, sostén, ou ben non existen sistemas de climatización ou carecen do mantemento necesario. 

A través dun comunicado, a CIG-Saúde informou que trasladou esta situación aos comités de seguridade e saúde, fronte aos que tamén exixiu que leven a cabo tarefas de planificación para lugares como os laboratorios ante o que consideran "inacción" da xerencia. 

Ademais, explican que en centros como o ambulatorio Concepción Arenal, situado na capital galega, o sistema de climatización "non chega a todas as plantas" polo seu mal funcionamento. Esta situación, apuntan, provocou recentemente "que unha enfermeira desfalecera" e que un usuario tivese que ser evacuado ao servizo de urxencias.

Tamén desde a CIG-Saúde lembran que o Hospital Provincial de Conxo carece de aire condicionado a pesar de ser un centro "onde a maioría de enfermas son de idade avanzada". A CIG-Saúde afirma que a calor causou indisposicións ás persoas usuarias e empregadas "sen que se tomaran medidas como o emprego de sistemas de refrixeración".

Por último, desde este sindicato cualifican de "insufríbel" a calor que se vive nas habitacións de garda do Hospital do Barbanza, no que foi o propio persoal quen tivo que comprar ventiladores para poder descansar en determinadas horas. 

O Sergas defende a cobertura no Morrazo

As críticas desta pasada quinta feira e o domingo pola falta de médicos e médicas en varias localidades das Rías Baixas chegaron até o Sergas. No Morrazo, varias Alcaldías solicitaron máis persoal para urxencias no verán, cando aumenta a poboación.

Esta sexta feira, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu a súa cobertura médica e dixo que está agrupada "de forma temporal" en Cangas, con dous médicos do centro de saúde de Cangas e un de Moaña, e sostivo que "sistematicamente están os tres", salvo casos moi puntuais.