Denuncian á Xunta pola súa actuación na residencia do Barco de Valdeorras

Exterior da residencia Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras (Foto: Nós Diario).
O sindicato CIG acusa o Goberno galego de manter a mesma dirección do centro que existía antes da "suposta intevención", á que consideran "responsábel da situación actual de máis de 100 persoas contaxiadas".

 

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de presentar unha denuncia ante a Inspección de Traballo de Ourense, así como ante a Subdelegación do Goberno e a Consellería de Sanidade contra a Consellería de Política Social e a súa Xefatura Territorial en Ourense pola actuación na residencia que a Xunta da Galiza acaba de intervir no Barco de Valdeorras.

O sindicato considera “chocante” que a día de hoxe a dirección do centro sexa “a mesma que estaba antes da suposta intervención, e que é responsábel da situación actual, con máis de 100 persoas contaxiadas”.

Ademais, critican que “o persoal que se está trasladando a prestar ao Barco os seus servizos carece de formación e medios”, polo que responsabilizan á Xefatura Territorial e á propia Consellería “das posíbeis consecuencias para a saúde das persoas”.

“O persoal é separado ao chegar e asígnaselle a unha planta de infectados a cada unha para facer funcións de auxiliar de clínica ou sericultora –explican-, e dúas delas nin sequera teñen formación clínica, pois todas son auxiliares coidadoras de escolas e non se lles esixe esa titulación, non tendo tampouco experiencia previa nos labores que se lle encargan nin se lles indica nin informa das actuacións preventivas que teñen que facer para non contaxiarse nin estender o virus”.

As traballadoras informaron ao sindicato de que a entrega de pixamas e EPI, realízase “con apenas cinco minutos de presentación á chegada, sen explicar o protocolo de colocación” nin impartindo “formación específica” sobre as tarefas a realizar”. “E moito menos imparten formación ou información a nivel de prevención de riscos laborais nin específica perante o risco de contaxio do coronavirus”, engaden.

Porque a falta de información é outro dos aspectos fundamentais denunciados pola CIG, pois sinala que non foi “informada” da intervención deste centro por parte da Consellería de Política Social ou da dirección xeral de Función Publica, do chamamento do persoal, das súas condicións laborais con horario e xornada nin do plan de prevención de riscos laborais e ante a COVID-19, “de telo”, conclúen.