Ensino

A CIG-Ensino critica o sindicalismo estatal no ámbito das escolas de infantil 0-3 anos e chama á mobilización

Un centro de educación infantil galego. (Foto: Europa Press)
Os sindicatos estatais maioritarios, segundo a CIG “incumpriron o compromiso logrado nesa mesa de xullo, dunha reunión sindical a primeiros de setembro para dar continuidade ás mobilizacións con máis forza e intensidade, dada a actitude irresponsábel da patronal, así como tomar a decisión de irmos ou non, á par, a un SIMA, tal e como propuxeron as patronais”.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) na súa federación de Ensino non comparte a inacción dos sindicatos estatais, maioritarios na mesa negociadora dun convenio que se negocia en Madrid, e chama a cumprir o compromiso acadado en xullo para reactivar as mobilizacións e a presión social, como único medio de cambiar a actitude inmobilista das patronais do sector.

O pasado sete de xullo tivo a décima reunión da mesa de negociación do XIII convenio estatal de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3 anos, primeira e única desde as mobilizacións e folgas levadas a cabo no pasado mes de xuño pola parte social, e nela as patronais “mantiveron o bloqueo das negociacións co seu inmobilismo propondo como saída acudir en setembro ao SIMA (sistema de mediación e arbitraxe para resolver conflitos, para que un arbitra medie e decida)”.

“Xa a piques de rematar o mes seguimos sen novas, nunha clara actitude de gañar tempo e alongar as negociacións coa finalidade de evitar a retroactividade salarial de 2023 (o 2021 e 2022 quedan condenados á conxelación, ao non figurar nas propostas patronais, nin nas da maioría sindical estatal)”, manifesta a CIG. De acordo co sindicato a cifra de persoal afectado é de "2000 traballadoras das 200 escolas infantís que ou ben son de carácter privado ou de xestión indirecta".

Por outro lado, os sindicatos estatais maioritarios, segundo a CIG “incumpriron o compromiso logrado nesa mesa de xullo, dunha reunión sindical a primeiros de setembro para dar continuidade ás mobilizacións con máis forza e intensidade, dada a actitude irresponsábel da patronal, así como tomar a decisión de irmos ou non, á par, a un SIMA, tal e como propuxeron as patronais”.

Desde a CIG-Ensino xa “defendemos en xullo rexeitar o SIMA e convocar as mobilizacións para comezos de setembro, sendo rexeitada esta proposta polos sindicatos estatais. Agora, visto este ‘silencio cómplice’ dos demais sindicatos, só o podemos ver como unha incapacidade de mobilizar o sector no resto do estado, cando na Galiza se demostrou o contrario e así o recoñeceron en mesa os demais sindicatos, ou como unha nova saída en falso do XIII convenio como xa vén sendo habitual”.

A CIG-Ensino non comparte esta “inacción e pasividade da maioría sindical estatal na mesa negociadora e chama publicamente a cumprir o compromiso de reactivar as mobilizacións e a presión social, como único medio de cambiar a actitude inmobilista das patronais do sector e así podermos acadar melloras reais e significativas que dignifiquen este convenio”.

Marco galego de relacións laborais

Desde a CIG-Ensino “trasladamos unha vez máis as nosas críticas a estas mesas negociadoras estatais, nas cales de novo se volve evidenciar a falta de negociación. É por isto, que vista a resposta tan maioritaria nas mobilizacións e na folga que houbo en Galiza, con respecto ao resto do Estado, trasladamos que de non dignificar este convenio estatal, seguiremos loitando até acadar un convenio digno nun marco legal de negociación galego, no que esperemos todas as organizacións galegas tamén se sumen e respondan, antepondo os intereses de a quen din representar”.

Así, o sindicato nacionalista defende un Marco Galego de Negociación como “única vía de negociación real”, no cal “non se suplante as traballadoras e traballadores por cúpulas sindicais e onde se defendan os seus intereses, non se vendan e intercambien, sendo o persoal dos centros de traballo quen decida para poder dignificar o sector cun convenio galego xusto e digno”.