Ensino

A CIG-Ensino denuncia que Educación suprimiu 89 prazas e 60 unidades de infantil e primaria

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez. (Foto: Europa Press)
Desde o sindicato nacionalista argumentan que “un ano máis a Consellaría perde unha grande oportunidade para comezar cunha baixada das ratios que permitiría ao profesorado aumentar a calidade do ensino".

A federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino) denunciou que “en pleno verán, segundo as peores costumes do Goberno do Partido Popular, a Consellaría de Educación volve recortar unidades e postos de traballo”.

Este ano, despois dun estudo rápido feito pola CIG-Ensino sobre a orde do 31 de xullo de 2023 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de educación infantil, educación primaria e educación especial publicada esta sexta feira “atopámonos con que a Consellaría suprime 60 unidades de educación infantil e primaria, que se traducen nun recorte de 89 prazas de infantil e primaria, concretamente 38 de infantil e 51 de educación primaria, incluídas nestas, sete en distintos centros de educación especial”.

Estes recortes xa foron advertidos pola CIG-Ensino o 20 de xullo, e a Administración “no lugar de tomar nota das peticións da comunidade educativa de cara a non levar a cabo as supresións e aproveitar a baixada da natalidade para diminuír as ratios profesorado-alumnado segue adiante e incluso presume de ratios baixas, aínda que para iso teña que retorcer as matemáticas até límites obscenos”, advirten desde a CIG-Ensino.

Para alén diso, o sindicato nacionalista acrecenta que “un ano máis a Consellaría perde unha grande oportunidade para comezar cunha baixada das ratios que permitiría ao profesorado aumentar a calidade do ensino, desde a CIG-Ensino seguiremos a reclamar da Consellaría que aproveite a baixada da poboación en idade escolar para rebaixar as ratios e reducir o horario lectivo do profesorado a 18 horas en secundaria e 21 horas en primaria, e non como unha posibilidade de aforrar diñeiro”.

De acordo coa CIG, a Consellaría segue adiante coa política de “desmantelamento do ensino público, antepondo criterios economicistas á calidade da educación”. Un desmantelamento que incide especialmente, argumentan, na atención ás necesidade educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das ratios e a imposibilidade de realizar desdobres.

"Imposición, non negociación"

“E todos estes recortes sen a máis mínima negociación, seguindo a tendencia que os cargos políticos do PP en Educación: imposición e non negociación”, manifestan.

O Goberno do Partido Popular na Galiza, con Alfonos Rueda á cabeza, segue sendo, para a CIG-Ensino “o campión dos recortes, e de non dar un cambio de rumbo inmediato no que se rectifiquen todas estas decisións, o próximo curso avecíñase conflitivo porque a comunidade educativa e o profesorado non pode aguantar nin agardar un minuto máis”.