"Plan Mega Trola": a CIG-Ensino sinala as eivas detrás dos anuncios da Consellaría de Educación no inicio do curso

Concentración convocada pola CIG-Ensino contra os recortes diante da Consellaría de Educación. (Foto Arxinaa)
O sindicato maioritario no ensino exixe que se atendan os dereitos do profesorado e as demandas de recursos dos centros.

Coincidindo co inicio do curso escolar, a CIG-Ensino convocou unha mobilización esta cuarta feira diante do edificio administrativo da Consellaría de Educación na que o seu secretario nacional, Suso Bermello, expuxo unha por unha as demandas que desde hai xa 14 anos reivindican profesorado e centros educativos.

Seguen se alcanzarse, subliñou, "malia a intención de confundir e enganar da maquinaria propagandística posta en marcha pola Consellaría nesta lexislatura". Neste sentido lembrou que "a día de hoxe non se produciu ningunha baixada de ratios efectiva, máis alá de 4º de infantil e nalgunha aula mixta, nin a recuperación do horario lectivo que tiña o profesorado cando chegou Feixoo á Xunta da Galiza, nin medidas reais de eliminación ou redución da burocracia nos centros, nin melloras retributivas dignas".

Desde a CIG-Ensino cuestionan que en máis dunha década non se recuperasen dereitos como "o do persoal substituto a cobrar o verán, así como un pacto pola lingua, a negociación consensuada da reforma da FP, a estabilidade do persoal interino de longa duración ou a transparencia nas prazas das oposicións e dos concursos de traslados".

Malias os "anuncios grandilocuentes da Consellaría de Educación e do propio presidente Rueda", afirmou Bermello, non se ven avances. "Todo ou practicamente todo o que sae da boca dos dirixentes de Educación é mentira".

Contratos docentes

A este respecto aclarou que "o motivo polo que pode haber certo incremento de profesorado a nivel global –até os 31.603, segundo cifras da Xunta–, tendo en conta que a cifra real non é a dada polo conselleiro no Parlamento senón a do capítulo de persoal dos orzamentos da Xunta, é grazas ao incremento enorme que experimentou o profesorado de Formación Profesional na última década e sobre todo nos últimos catro ou cinco anos".

Bermello sinalou que no corpo de mestres e mestras hai menos efectivos cada curso "que se camuflan con contratos en precario" asociados a programas e plans como o rebautizado como Mega, "que se demostrou que é unha Mega Trola" ironizou Bermello.

Segundo dio, "non é certo que se contraten 400 novos efectivos, nin tan sequera os 200 que se afirmou que estarían nos centros a 11 de setembro, como tampouco o é que este curso haxa un incremento de 1.256 novos docentes no ensino público. Neste último caso, simplemente é o produto das xubilacións e a entrada no seu lugar de novo funcionariado en prácticas que aprobou as oposicións".

Confusión

A Consellaría xoga á confusión con nomes como Plan Promociona, Proa+, reforzo matemático e lector ou inclusión de alumnado inmigrante.  Polo que se refire ao Plan MEga, desde a CIG-Ensino aclaran que do total de 163 prazas ofertadas, 121 (74%) son a xornada completa e 42 a media xornada. "Son contratos cunha duración de 10 meses e 20 días e cese a 30 de xuño".

O número de vacantes equivale a 139 contratos a curso completo, polo que segundo o sindicato redúcese nun 31% o custo que terían os 200 docentes anunciados. Na maior parte dos casos, conclúe, son prazas que xa foran solicitades en xuño e que non lles adxudicaron como interinidades aos centros.

A CIG Ensino lembrou que este curso houbo un total de 80 profesionais de atención á diversidade menos con destino provisional que o pasado curso e que outras 30 prazas de atención preferente  quedaron sen atender.

Campaña nos centros de ensino

A CIG-Ensino levará a cabo nos próximos meses unha campaña informativa nos centros, que son claramente coñecedores da súa realidade pero moitas veces descoñecen a do resto, para poñer en evidencia todas as reivindicacións que quedan pendentes de atender por parte da Xunta "e que deberán acometerse nesta lexislatura se non se quere forzar máis un profesorado exhausto e afogado pola burocracia".

O sindicato volveu pór o foco na baixada de ratios na etapa de Primaria que non se completará até dentro de nove anos, "cando é obvio que a caída da natalidade vai supor tal devalo que non vai ser preciso ningunha medida por parte do Goberno. Pola contra, na ESO, Bacharelato e FP, nomeadamente a FP básica, non hai medidas contempladas para antes de tres anos".

Sobre a recuperación do horario lectivo das 21 horas en Primaria e das 18 en Secundaria tampouco houbo avances significativos, dixo Bermello, mais "a baixada a 23 no corpo de mestras é claramente insuficiente e tíñase que ver compensada cun incremento importante dos efectivos para que non se resinta a calidade da atención educativa".