A CIG-Ensino afirma que o aumento de complementos ao persoal docente é "unha estafa"

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
A central nacionalista denuncia o acordo educativo que asinaron CCOO, ANPE e UXT en outubro de 2023 e pide reducir a burocracia.

A CIG-Ensino denuncia o que considera son "estafa" e "trampas" da Xunta da Galiza co acordo educativo que asinou cos outros tres sindicatos (CCOO, ANPE e UXT) en outubro de 2023, conforme ao cal se produciron subas en varios complementos para o profesorado desde o 1 de xaneiro de 2024.

Nese acordo, cunha orde de confección de nóminas publicada o 15 de xullo no Diario Oficial da Galiza (DOG), a actualización dos salarios públicos é de 2%, tras a aprobación por parte do Goberno español, na práctica non se aplicará aos docentes galegos porque as subas nos mencionados complementos quedan "absorbidas".

Nun comunicado, o sindicato maioritario no ensino público galego que non asinou o acordo de outubro de 2023, sinala que isto é "unha constante desde 1988", polo que non é nin unha "sorpresa" nin unha "interpretación" do asinado. "Era algo coñecido polas partes que deron a súa visto e prace a ese acordo", engade a central nacionalista.

Ademais, esta situación, para a CIG-Ensino, "vai reproducirse igualmente" nas subas nos complementos pactadas para os anos 2025 e 2026. Por tanto, a central nacionalista, que propuña unha suba lineal e igual para todo o corpo docente galego, ve claro que a Xunta "enganou" ao profesorado e "comprou aos sindicatos asinantes".

O "engano" da Xunta 

Para a CIG-Ensino, a Consellaría "vendeu no día de onte un avance importante, aplaudido polos sindicatos do acordo, que bendice como o dunha suposta simplificación de determinados procedementos burocráticos". Porén, a central nacionalista considera que "máis alá dunha posta ao día de determinadas ferramentas informáticas obsoletas, non existe ningunha novidade na ansiada e prometida redución da burocratización que afecta a todo o profesorado e ás direccións dos centros". 

Esta redución da carga burocrática, para a CIG-Ensino, "non será unha realidade mentres Educación manteña o seu criterio de que o persoal docente debe malgastar o seu tempo de traballo nunha inxente burocracia que, en parte, podería levar a cabo persoal non docente". Neste sentido, a central nacionalista demanda reducir tempo de traballo do profesorado en tarefas "que, en parte, podería levar a cabo outro persoal e non o docente".