CIG-Ensino traslada á conselleira as demandas do profesorado avaladas por 12.000 sinaturas

Unha delegación de CIG reuniuse coa nova conselleira de Educación, Carmen Pomar, nun encontro que o sindicato resume como “cambio de persoa pero ningunha mudanza nas políticas”. A central lembrou á conselleira o decálogo de medidas prioritarias que formou parte da campaña de recollida de sinaturas #ProfesoradoConDereitos levada a cabo o este mesmo ano nos 1.200 centros de ensino do país e co apoio de 12.000 sinaturas. “A  recuperación da xornada lectiva de 18 horas en Secundaria e de 21 en Primaria e a redución das ratios centran unhas reivindicacións que, a teor do contido da reunión, non parece que estean na axenda inmediata da Consellaría”, indican desde a central.

 

A CIG-Ensino tamén trasladou á titular da Consellaría a queixa por ter levado a información das especialidades a convocar nas próximas oposicións sen o previo contraste e negociación na Mesa Sectorial e volveu incidir na necesidade de que se se faga un estudo previo sobre as xubilacións previstas para os próximos anos, así como do número de persoal interino á hora de tomar a decisión de que especialidades convocar e cantas prazas en cada unha.