A CIG-Ensino urxe reducir os horarios lectivos e as ratios por aulas

Laura Arrojo, da executiva da CIG-Ensino, e Xesús Bermello, secretario nacional, onte.(Foto: Nós Diario)

A federación de Ensino da CIG, organización sindical maioritaria na educación, compareceu onte en Compostela para valorar o comezo do novo curso escolar. O seu secretario nacional, Xesús Bermello, acusou a Consellaría de Educación de “consolidación dos recortes dos dereitos do profesorado”.

Bermello denunciou que a “Consellaría de Educación comezou este curso escolar cun desaforado intento de vender como novidosa o que é unha práctica totalmente continuísta no deseño da súa política educativa”. Neste punto, criticou o “incumprimento dos escasos avances que se daban no acordo asinado coa minoría sindical e o mantemento dunha política de parches para a atención educativa no canto de fortalecer estruturalmente os cadros de persoal dos centros educativos”.

O secretario nacional da CIG-Ensino volveu reclamar unha redución do horario lectivo para o profesorado e das ratios de alumando por aula co obxectivo de mellorar a calidade educativa. Neste sentido, explicou que a Xunta da Galiza “nega o dereito a recuperar o horario lectivo de 21 horas en Infantil e Primaria e de 18 en Secundaria”. Ao tempo, lembrou que “a redución só a 23 horas en Primaria implica renunciar á demanda do profesorado e faltar a un compromiso que até outubro de 2023 era unánime e que CCOO, ANPE e UXT traizoaron”.

Ratios por aula

O dirixente sindical desvelou que “só consta que se estea a cumprir a redución de ratios en 4º de Educación Infantil”. Nesta dirección, apuntou que “non se toma ningunha medida coas ratios en etapas educativas como a ESO e o Bacharelato, nin de redución xeral nin de redución por alumnado repetidor ou con necesidades especiais”. Asemade, indicou que “nin hai nin haberá ningunha redución na FP, nin nas ensinanzas de réxime especial” e “non aplican, como se comprometeron, a redución de ratios en aulas que agrupan alumnado de diferentes niveis”.

Non aplican, tamén incumprindo o seu compromiso, os desdobres en aulas cando, polo cómputo de alumnado con trastorno de conduta xustificado, discapacidade ou dependencia se supere a ratio de 25”, asegurou o responsábel da federación de Ensino da CIG, que denunciou a continuidade dun “sistema de reforzo educativo a base de parches con forma de programas que nin chegan a todos os centros nin teñen carácter permanente nin unha maior dotación fixa de profesorado”.

Condicións laborais

Xesús Bermello demandou ademais unha mellora nas condicións laborais do persoal docente. A este respecto, explicou que “non se toman medidas efectivas para reducir a carga burocrática do profesorado, como a contratación de persoal non docente ou a redución horaria para tarefas de dirección e de coordinación”. Na mesma liña, afirmou que “non se recupera o pagamento dos meses de verán para o profesorado substituto que traballa cinco meses e medio” e “non se deu ningún paso para a determinación e publicación, con total transparencia, das prazas estruturais en todos os centros”.