CIG exixe a Educación que non permita a discriminación na fase de prácticas por embarazo e permiso por parto

Desde a Inspección Educativa trasládanse informacións “contraditorias” e “incorrectas” no caso de funcionarias embarazadas que van realizar a fase de prácticas.

A Orde do 7 de abril de 2017 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso a diferentes corpos docentes regula a fase de prácticas para as persoas funcionarias que aproben o concurso-oposición. A base vixésimo primeira establece que a duración desta fase será de catro meses e que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá flexibilizar este período por causas xustificadas.

 

CIG-Ensino afirma que constatou que as funcionarias en prácticas que están embarazadas ou ás que lle corresponde gozar do permiso por parto poden ver comprometidos e mesmo conculcados os seus dereitos fundamentais se a Consellería non adopta as medidas oportunas para que poidan desenvolver esta fase do proceso en igualdade de condicións con respecto ao resto de aprobados.

 

Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, considera que“resulta imprescindíbel que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos dite instrucións precisas, dirixidas a todas as Xefaturas Territoriais, para que as baixas ou os permisos relacionados co embarazo e o parto respectivamente entren dentro das xustificacións que permitan esa flexibilización”. Trátase de que en ningún caso se producirá unha discriminación na carreira profesional destas persoas, ben sexa na toma de posesión como funcionariado de carreira como na posíbel adxudicación de destino definitivo.