A CIG leva ao Parlamento a defensa dos dereitos do profesorado galego

Unha imaxe da reunión co grupo popular

Unha delegación do sindicato reuniuse cos grupos parlamentares para trasladarlles as medidas para restituír os dereitos perdidos nos últimos anos polo profesorado galego e que están avaladas por máis de 12.000 sinaturas.

Unha delegación da CIG-Ensino reuniuse esta quinta feira cos grupos parlamentares da Cámara galega. O secretario nacional desta federación, Suso Bermello, trasladou aos representantes políticos “a sensación de fartura que ten o colectivo docente polos recortes sufridos nos últimos anos e polo empeoramento manifesto das súas condicións de traballo”.

 

 CIG-Ensino presentou recentemente as 12.000 sinaturas de apoio ao decálogo de medidas urxentes para a restitución dos dereitos perdidos nos últimos anos polo profesorado galego. Unhas medidas que foi as que se trasladaron aos grupos parlamentares. En palabras de Suso Bermello, “a Xunta estase convertendo na administración campioa dentro do Estado español en manter os recortes, dado que noutros territorios xa se recuperou a xornada lectiva anterior á crise, reduciuse o número de alumnado por aula, non se están a aplicar os descontos por enfermar ou xa se asinaron acordos retributivos que permitiron unha suba salarial”.

 

O representante do sindicato maioritario no ensino público galego lembroulles a todos os grupos políticos que o colectivo docente fixo un esforzo inxente desde 2010 por manter a calidade do ensino público no noso país. Porén, “este persoal séntese desprezado e abafado por unhas condicións de traballo que o están levando ao límite: con rateos insostíbeis nas aulas, sobre todo nas áreas urbanas, ou co agrupamento de estudantado de diferentes idades e niveis no ámbito rural; a imposibilidade de realizar desdobres e de contar con persoal de reforzo para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo; un incremento dos labores burocráticos en detrimento do labor docente, así como unha situación de inestabilidade permanente ao non convocarse prazas definitivas que lle permita formar parte dun proxecto pedagóxico dun centro de forma estábel…”

 

Desde o sindicato nacionalista propúxose que no Pleno do Parlamento se inste ao goberno galego a eliminar os descontos pola situación de incapacidade temporal e a recuperar o poder adquisitivo do profesorado que perdeu nos últimos 8 anos.