A CIG reclama o rescate do Hospital Álvaro Cunqueiro

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Y. C. M.)

Demanda infraestruturas públicas para garantir a asistencia na Área Sanitaria de Vigo


A CIG-Saúde considera que as “demoledoras e contundentes” conclusións do Consello de Contas de Galiza sobre o contrato de concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro, demostran que o modelo de xestión público-privada “é unha fórmula cara e ineficiente”.

O sindicato reclama o rescate do centro sanitario e lembra que tanto a CIG como a plataforma SOS Sanidade Pública viñan denunciando esta situación que motivou numerosas mobilizacións sociais na cidade de Vigo.

A CIG-Saúde subliña ademais que malia o sobrecusto confirmado por Contas, o novo hospital veu recortados non só a superficie do hospital, senón tamén os servizos “cunha diminución de camas, quirófanos, servizo de urxencias e espazos de Radioloxía e Laboratorio”.

Apunta que esta diminución na previsión inicial ten consecuencias na actualidade na actividade asistencial cunha gran demora nas listas de agarda para cirurxías e probas diagnósticas e un servizo de urxencias “con tendencia ao colapso” cando existe un mínimo aumento de demanda, tal e como ten acontecido os últimos anos postpandemia.

Beneficios para a privada

A central sindical denuncia ademais que este proxecto está deseñado para garantir os beneficios da privada xa que asegurou o Convenio Singular con Povisa, negocio que ten continuidade na actualidade, sen que a Xunta da Galiza dese pasos para buscar alternativas de atención, polo sistema público, á poboación asignada na actualidade ao Hospital Ribera Povisa.

Para a CIG-Saúde esta nova resulta, se cabe, “mais indignante” cando coincide coa perda de dereitos do persoal do SERGAS e a suspensión dos acordos retributivos. “Mentres se aseguraba o beneficio das empresas privadas recortábanse dereitos as traballadoras da sanidade pública, dereitos que seguimos sen recuperar case dez anos despois”.

Por iso a CIG-Saúde reitera a necesidade de rescatar a concesión e dimensionar as infraestructuras públicas da Área Sanitaria de Vigo para asegurar a asistencia ao 100% da cidadanía nunha sanidade pública e de calidade.