CIG reivindica o carácter obreiro do 8 de marzo

[Imaxe CIG]

A central sindical desenvolveu concentracións perante diversos centros de traballo, principalmente de Inditex, baixo o lema 'Precarias'.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convocou este 8 de marzo mobilizacións no marco da campaña 'Precarias' coa que denuncian "a situación sociolaboral que atravesan as galegas, con contratos temporais, traxectorias laborais inestábeis, con moita rotación laboral e con salarios, en moitos casos, por baixo da liña da pobreza". 

Traballadoras en precario que traballan para outras mulleres precarizadas. Así sintetizan a escolla dos emprazamentos onde tiveron lugar as concentracións, perante estabelecementos do imperio téxtil Inditex nos que a maior parte do seu cadro de persoal “son mulleres, con contratos a tempo parcial, que traballan a un elevado ritmo de traballo, con grande rotación, salarios baixos, ás cales se lles dificulta a conciliación, mentres as empresas conseguen millonarios beneficios a costa da explotación das traballadoras”, sinalan, unha realidade que non atinxe unicamente as dependentas senón tamén as operarias dos centros loxísticos e manufacturas, moitas delas en países do sur. 

A CIG elixiu concentrarse diante de estabelecementos de Inditex como símbolo de traballo precario e explotación laboral

“Estamos ante o que se lle chama a moda de usar e tirar. Un modelo de negocio non sostíbel baseado na venda e consumo de roupa con menor tempo de vida útil, producións máis curtas e prazos de entrega tamén máis pequenos. Isto significa para as consumidoras roupa de peor calidade que hai que renovar cada temporada e para as persoas que as confeccionan salarios de miseria, xornadas interminábeis, precariedade, medo e enfermidades. E para o medio ambiente produtos químicos sen control. Velaí o paradoxo: traballadoras en precario traballan para outras mulleres precarizadas", denunciou Margarida Corral, secretaría de Muller da CIG. 

Loita obreira

Desde a central sindical quixeron reivindicar o carácter obreiro do 8 de marzo proclamado pola marxista e feminista Clara Zetkin en conmemoración das mulleres asasinadas no marco de distintos conflitos operarios nos que reivindicaban mellores condicións laborais e salariais.  

"Foron demasiados os intentos de baleirar de contido  a orixe da conmemoración"

“Aínda compartindo o desexo de moitas feministas de facer desta data unha xornada de denuncia da desigualdade e inxustizas que padecemos as mulleres no mundo, outras consideramos máis necesario que nunca manter o termo traballadora, porque foron demasiados os intentos de baleirar de contido  a orixe da conmemoración. Mais cando desde xa demasiadas institucións e do propio capitalismo se pretende facer unha comercialización ou descafeinización dun día que ten que ser de loita”, dixo Corral. 

"O 8 de marzo non debe desvincularse da súa orixe. É unha data de lembranza das manifestacións de obreiras contra os abusos patronais en varios países do mundo. É a data de referencia para o feminismo de clase”, aseverou.