CIG-Saúde denuncia que a dirección do Sergas leva 133 días "paralizada"

Manuel G. Moreira, no centro, na comparecencia desta terza feirta (Foto: Nós Diario)
Critica que a Consellaría non se reunise coa representación do persoal

A CIG-Saúde denunciou onte a "situación de parálise e inacción" na que afirma que se atopa a dirección do Sergas dende hai 133 días. O secretario nacional desta federación da cnetral nacionalista, Manuel G. Moreira, denunciou que desde a convocatoria de eleccións ao Parlamento galego o pasado 26 de decembro vívese unha situación de parálise nos servizos centrais que tamén afecta ao conxunto das áreas sanitarias "que están á expectativa de que se tomen decisións importantes que afectan os recursos dispoñíbeis, ou mesmo garantir a continuidade asistencial durante o próximo verán".

Para o sindicato, resulta "inconcibíbel" que transcorridos 23 días dende o nomeamento do novo conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, "non teñamos convocada en tempo e forma ningunha reunión". Criticou que malia manterse encontros de presentación do novo equipo nos que participaron diversas asociacións e colectivos, "non se ten en conta á representación legal das traballadoras e traballadores do Sergas".

Por iso, Moreira demandou á Consellaría "que sente falar" para tratar o estado da sanidade pública galega e estabelecer un cronograma de cuestións prioritarias "porque o importante non son os nomeamentos na cúpula directiva, senón as políticas que desenvolven".

Advertiu ademais que esta inacción bate de fronte coa necesidade de adoptar "medidas urxentes" en ámbitos fundamentais como a Atención Primaria. Instou a desenvolver o plan de ordenación de recursos humanos en todos o seus aspectos, comezando pola definición dos criterios de necesidades de prazas centro a centro, atendendo ás súas condicións sociodemográficas e ás carteiras de servizos.

En canto á Atención Hospitaliaria, Moreira referiu a sobrecarga asistencial á que se ten que enfrontar o persoal, polo que demandou que se garantan as ratios de profesionais en todas as categorías, e consolidar e incrementar as prazas que respondan a necesidades estruturais para poder prestar unha asistencia sanitaria de calidade e para garantir unhas condicións de traballo adecuadas. Neste liña, pediu tamén revisar o acordo de persoal médico de urxencias hospitalarias.

Outras das cuestións que a CIG-Saúde reclamou da Consellaría de Sanidade foi unha aposta por reforzar a estrutura da sanidade pública da área de Vigo "para non estar en mans dunha empresa privada que ten un concerto singular como Ribera Povisa". Lembrou que Povisa atende a 130.000 usuarios/as para quen a sanidade pública non ten alternativa e que se perdeu unha oportunidade importante "de desfacer este monopolio" cando hai uns anos se produciu a venda do hospital.