Denuncian a "incapacidade" da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Foto: Nós Diario).

CIG advirte que, ante a pandemia da COVID-19, “non se está a actuar baixo unhas directrices legais e aplicando as normativas acordadas”.

CIG Saúde Compostela denuncia publicamente que a Xerencia da Área de Santiago, ante a pandemia da COVID-19, “non está a actuar baixo unhas directrices legais e aplicando as normativas acordadas”.

O sindicato afirma que desde a Xerencia “non se informa a CIG-Saúde nin á Xunta de Persoal, como órgano de representación das traballadoras, o que demostra que quen dirixe a Área sanitaria de Santiago ten unha organización do traballo enfocada o día a día, con escasa ou nula planificación estratéxica a curto e medio prazo”, o que para a organización sindical “incumpre coa normativa vixente de órganos de representación de traballo e participación do persoal ao servizo das Administracións Públicas”.

Ademais, CIG-Saúde considera que a Xerencia da Área de Santiago “é incapaz de garantir o plan de prevención fronte ao risco laboral que constitúe o coronavirus, ao non dotar dos recursos necesarios aos profesionais e ao non asegurar o cumprimento dos protocolos en canto á correcta realización das medidas de prevención indicadas para asegurar o uso correcto dos equipos de protección individual”.

“O que fan é berrarlle e/ou reprender os profesionais, que se ven indefensos ante a carencia de material e ante a falta de información e formación en prevención fronte o risco da COVID-19, o que aumenta o estado de inquietude e medo entre @s profesionais ao sentiren que os mandan a loitar contra o virus, sen formación e sen armas”, engaden.

Finalmente, a organización sindical galega advirte da “desorganización” da unidade, da “tardanza” en facerlles as probas ao persoal que estivo en contacto con doentes positivos e o reparto de “mascarillas caseiras de tela, que non contan con ningunha certificación de produto sanitario, nin unha avaliación por parte do servizo, nin a comprobación ou control, nin testadas para que se adecúen á legalidade vixente”.