A CIG urxe a baixar as ratios en todas as etapas educativas

Concentración de delegadas e delegados da CIG-Ensino en Compostela. (Foto: Arxina).
A recuperación do horario lectivo anterior a 2011 volve estar no centro das demandas dos sindicatos do ensino para o vindeiro curso. A CIG mobilizouse na cuarta feira en Compostela, á vez que CCOO, ANPE e UXT denunciaban o incumprimento por parte da Consellaría

Un grupo de delegadas e delegados sindicais da CIG-Ensino concentrouse na mañá da cuarta feira diante dos edificios administrativos da Xunta da Galiza en Compostela para denunciaren as políticas educativas do Goberno galego. No marco da protesta, o secretario do sindicato, Xesús Bermello, reclamou a volta ao horario de docencia directa anterior a 2011, cando o Executivo do entón presidente, Alberto Núñez Feixoo, elevou de 18 a 21 as horas lectivas de docencia á semana na ESO e Bacharelato, e de 21 a 25 en Infantil e Primaria.

Bermello referiuse á "falta de respecto cara ao colectivo docente", que "asinou maioritariamente en contra do mal chamado acordo de melloras", pactado entre a Consellaría de Educación e os sindicatos CCOO, ANPE e UXT. Neste sentido, denunciou que "nin sequera van cumprir as escasas melloras que recolle, tal e como están a comunicar os centros nos últimos días". A este respecto, asegurou que o actual horario "sitúa o persoal docente galego nunha precariedade maior que noutros territorios do Estado e é moito peor que hai 15 anos".

O secretario nacional da CIG-Ensino avanzou que unha das reivindicacións chave do sindicato nesta lexislatura será “a baixada efectiva e real das ratios en todas as etapas educativas e non o que finalmente se vai aplicar o vindeiro curso, só en 4º de Infantil, unha medida que se axusta á caída da natalidade e que non ten ningún custo para a Administración”. Neste punto, indicou que a CIG “estará moi vixilante en todo o que ten a ver co incumprimento do acordo”.

Incumprimentos

Precisamente, CCOO, ANPE e UXT manifestaron na xornada da cuarta feira nunha rolda de prensa que a Consellaría de Educación non está cumprindo con algúns dos puntos asinados con estes tres sindicatos dentro do coñecido como "acordo de melloras". Puxeron como exemplo o incumprimento a respecto do cómputo dobre ou triplo do alumnado con discapacidade, dependencia e trastornos graves de conduta, pois tería que aplicarse un desdobre nas aulas que superen a ratio máxima e estes sindicatos teñen coñecemento de que non se vai facer.

Os responsábeis de ANPE, CCOO e UXT sinalaron, que "a respecto do acordo de agrupamentos, non se recolle no asinado a aplicación progresiva das ratios". O presidente de ANPE, Julio Díaz, non descartou recorrer á Xustiza para resolver as discrepancias coa Consellaría "se o incumprimento do acordo" é "de calado importante". Porén, no caso de que haxa "poucos centros afectados", buscarán solucionar as discrepancias directamente coas autoridades educativas.

A responsábel da UXT, Sandra Montero, afirmou que a aplicación que fai a Xunta do acordo implica non recoñecer unha das melloras incluídas no propio documento, como é "a mellora da atención" á diversidade e ao alumnado con discapacidade e outras necesidades.