A cita para a presentación presencial da declaración da Renda poderase pedir a partir da cuarta feira, 29 de maio

Varias empregadas nunha oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

A data límite para presentar a declaración do exercicio 2023 está fixada no 1 de xullo

As e os contribuíntes poderán empezar a solicitar desde esta cuarta feira, 29 de maio, a súa cita previa para a atención presencial da declaración da Renda correspondente ao ano 2023, aínda que será o día 3 de xuño cando a Axencia Tributaria comezará a asistir a cidadanía nas súas oficinas para a confección e presentación dos documentos.

O prazo de presentación finalizará o 1 de xullo para declaracións tanto a ingresar como a devolver, aínda que o prazo nas declaracións para ingresar con domiciliación bancaria concluirá o 26 de xuño.

Ademais da vía telemática, Axencia Tributaria puxo en marcha este mes o plan 'Chamámoslle' para a confección de declaracións de Renda por vía telefónica. Así, desde inicios de maio e até o final da campaña as e os contribuíntes que necesiten unha asistencia personalizada poderán ser atendidos sen necesidade de desprazamentos a unha oficina.

Tamén xa está operativo desde principios de mes a principal novidade desta campaña, que é o plan especial de asistencia a persoas maiores de 65 anos en pequenos municipios.

Desta forma, e grazas á colaboración dos respectivos concellos, a Axencia ofrece a persoas maiores residentes en máis de 550 municipios das 46 provincias do territorio estatal en réxime común a confección da súa declaración sen desprazamentos ou, nalgúns casos, con desprazamento a un municipio moi próximo.

Sindicatos de Axencia Tributaria non descartan folga en plena campaña

Pero a Campaña da Renda deste ano está marcada polo conflito iniciado polos sindicatos da Axencia Tributaria para lograr melloras salariais e laborais nesta administración.

A pesar da reunión coa directora xeral da Axencia Tributaria, Soledad Fernández, os sindicatos decidiron manter as mobilizacións ante a "falta de compromiso político e ausencia de oferta económica" para negociar melloras retributivas e na carreira profesional do persoal. As organizacións non descartan ningún escenario, incluída a folga.

CIG, CCOO, UXT, SIAT e CSIF, que representan máis do 80% da Mesa Xeral da Axencia Tributaria, rexistraron esta semana no Congreso unha carta para pedir aos grupos parlamentarios a reprobación do presidente do organismo e secretario de Estado de Facenda, Jesús Gascón, pola "grave situación" que atravesa a Axencia Tributaria.

Quen non está obrigado a declarar?

En termos xerais, non están obrigados os contribuíntes con rendas exclusivamente procedentes do traballo até un importe de 22.000 euros anuais. Con todo, este límite redúcese se os rendementos proceden de máis dun pagador (salvo excepcións), ou tamén cando o pagador non está obrigado a reter e cando os rendementos están suxeitos a un tipo fixo de retención. En tales casos, o límite é de 14.000 euros anuais.

Igual que o ano anterior, tampouco estarán obrigados os contribuíntes que conten con rendementos do traballo, capital e actividades económicas, así como ganancias patrimoniais (subvencións, premios e outras), co límite conxunto de 1.000 euros, xunto con perdas patrimoniais inferiores a 500 euros.

Por outra banda, lémbrase que as beneficiarias e os beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital deben presentar a declaración, de acordo coa normativa que estabelece o ingreso.