O clásico das matemáticas "Xogando co infinito" é traducido ao galego, idioma en que se prohiben as aulas da materia

Elena Vázquez, Rosario Álvarez, Valentín García e Felipe Gago. (Foto: CCG)

Elena Vázquez, decana da Facultade de Matemáticas da USC, afirmou que "o que non está prohibido é pensar as matemáticas en galego”.

O Consello da Cultura Galega traduciu ao galego o libro Xogando co infinito, un clásico das matemáticas que explica os números e as ecuacións para o público en xeral.

Na presentación do volume participou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza, Administración que precisamente prohibiu por decreto impartir en galego a materia de Matemáticas na Educación Primaria e na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), nesta última xunto con Tecnoloxía e Física e Química.

A Xogando co infinito foi escrita hai 80 anos pola matemática húngara Rózsa Péter. A tradución foi realizada polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Felipe Gago.

O lanzamento do libro en galego foi esta quinta feira pola mañá na Facultade de Matemáticas da USC en Compostela. Nesta ocasión, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, afirmou que unha característica importante desta obra é que "é un libro que realmente non está pensado para os matemáticos".

Ademais, Álvarez subliñou que a tradución dunha obra de divulgación científica forma parte da estratexia de internacionalización da cultura galega, xa que este é un "camiño de ida e voltas", en que, por unha banda, lévase a cultura polo mundo; e, por outro, tradúcense as obras á lingua propia da Galiza.

"Xa se asumiu que o concepto de cultura non é a cultura humanística, senón a cultura que é tamén a científica e tecnolóxica. Non falamos de dúas culturas, falamos dunha única cultura que hai que englobar todo", sinalou a presidenta do Consello de Cultura Galega.

Non está prohibido "pensar as matemáticas en galego"

Pola súa banda, a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez, destacou a importancia da tradución ao galego, xa que "o que non está prohibido é pensar as matemáticas en galego", en relación á prohibición de impartir a materia en galego na ESO.

Segundo o profesor de matemáticas da USC e tradutor da obra, Felipe Gago, o libro Xogando co infinito é relevante porque explica os números e as ecuacións de maneira sinxela.

"Desde o meu punto de vista, esta é unha obra accesíbel para todos os públicos con interese, non con coñecemento. Con interese e non necesariamente matemático", sinalou o tradutor.