Xaquín Rubido

“Coa lei que impulsa o goberno as multinacionais terían prioridade nas nosas rías”

Xaquín Rubido

Falamos co presidente da Plataforma en defensa da Ría de Arousa, PDRA, sobre o Real Decreto impulsado polo goberno español en funcións e que xerou a frontal oposición dos diferentes sectores do mar.

A PDRA, en representación de confrarías e de asociacións e colectivos de mariscadoras, mariñeiros e bateeiros, solicitou a retirada do Real Decreto de Ordenación do espazo marítimo que elaborou o goberno español en funcións. Falamos con Xaquín Rubido, Xocas, sobre o que considera un movemento para, entre outras cuestións, facilitar o desembarco nas rías galegas dos intereses de grandes multinacionais. “Os nosos sectores produtivos do mar non os consideran de interese xeral, os proxectos dunha multinacional, si”, afirma.

A PDRA e organizacións de diferentes sectores do mar responderon con rapidez a un Real Decreto do que apenas había información e que se puxo a exposición pública no verán. Vistes as orellas ao lobo?

Este Real Decreto quer fixar un marzo do espazo marítimo que prioriza os intereses das grandes multinacionais sobre os dos sectores produtivos galegos, con todo o que iso supón e pode implicar, que non é pouco, polo que é unha cuestión que merece atención por todos, polo que nos pode afectar

No concreto, en que afectaría?

Por resumilo, calquera proxecto dunha multinacional para o mar en Galiza que fose cualificado como interese xeral tería prioridade sobre todo o tecido dos sectores do mar galegos, sen importar que supuxese un prexuízo ou dano á actividade destes, que fican nunha posición totalmente subordinada.

Debemos ter presente unha cousa: até o de agora non se protexeu por lei, como interse xeral, os nosos sectores produtivos. Mais si que gozan desta protección proxectos e plans das grandes multinacionais, eses si que poden gozar da cualificación de interese xeral. Proxectos de, por exemplo, psicicultura para a costa de Galiza. Que unha liña de alta tensión atravese unha aldea de Galiza pode ser considerado de interese xeral e hase facer porqque si. Mais protexer sectores produtivos que representan emprego, asentamento de poboación, iso non é de interese xeral.

Do que se trata é de que nas nosas rías non primen os intereses das multinacionais

Nas alegacións pedides, entre outras cuestións, que se prioricen os sectores do mar fronte a proxectos de prospeccións na costa. Mais, é algo posíbel a curto prazo que haxa prospeccións?

- Na medida en que os recursos tradicionais son máis escasos e as tecnoloxías avanzan faise máis viábel procurar novos recursos no mar, coa pegada e consecuencias que iso vai ter. É algo, as prospeccións, que a medio prazo, por non dicir a curto prazo, imos ver como se van ir facendo realidade. A propia estratexia de crecemento azul da Unión Europea establece as liñas básicas para que o océano sexa escenario deste tipo de actuacións e actividades. Non estamos, pois, perante unha quimera, é un risco que está aí.

Fronte a iso que é o que propoñedes?

Hai que protexer legalmente os sectores produtivos tradicionais do mar galego. Hai argumentos de abondo para iso: polo traballo que xeran, porque fixan poboación, porque son actividades ambiental e socialmente sostíbeis, porque teñen moita marxe de desenvolvemento... Do que se trata, ao fin, é de que nas nosas rías, na nosa costa non acadben primando os intereses das multinacionais.

Están a defender intereses totalmente alleos a Galiza

A Xunta impulsou unha Lei de Acuicultura que tiveron que paralizar pola forte rexeitamento do propio sector, manifestación multitudinaria incluída. Credes que agora intentan introducir, desde o goberno español e con este RD, os mesmos obxectivos que tiña aquela lei do executivo galego?

Desde logo é a mesma música, mais procede doutro lugar, neste caso o goberno central. Queren dar facilidades a esas actividades das que falabamos antes, de piscicultura intensiva, de explotación intensiva dos recursos do mar.. nun espazo que non está abandonado, no que xa se desenvolven desde hai moito tempo outras actividades, que están asentadas e fan parte da propioa contorna, as dos sectores produtivos galegos. E cando ambos os dous intereses chocan, xa sabemos quen sae gañando...